Home Programas Espazo Aberto O SLG organiza novas asembleas para preparar a demanda contra o “cártel do leite”

O SLG organiza novas asembleas para preparar a demanda contra o “cártel do leite”

0
O SLG organiza novas asembleas para preparar a demanda contra o “cártel do leite”
Imaxe: DYCIT.

Desde o pasado novembro, o Sindicato Labrego Galego ven facendo asembleas comarcais para organizar unha posible demanda xudicial polo acordo dos prezos do que chaman “o cártel do leite”.

Estas industrias foron condenadas e multadas pola CNMC con máis de 80 millóns de euros, pero agora as granxas afectadas poden demandar ás empresas e reclamar o diñeiro perdido por mor dese pacto abusivo. Hai uns meses, o sindicato Unións Agrarias estimaba unha desviación de tres céntimos por litro de leite vendido e que a cantidade reclamada podería chegar aos 300 millóns de euros.

Para organizar esta gran demanda, o Sindicato Labrego Galego organiza dúas asambleas máis, o día 20 en Compostela e o 21 en Lugo. A xuntanza contará coa presenda de Redi, un bufete catalán especializado en procesos xudiciais contra este tipo de abusos empresariais. Os gandeiros e gandeiras afectados poderán así reclamar a través dunha única demanda colectiva, como explican desde o SLG: “As reclamacións das perdas de cada explotación vanse realizar acumuladas nunha mesma demanda, agrupando o maior número posible de granxas, xa que se fará máis forza no proceso contra maior sexa o número gandeiros e gandeiras que reclamen.” Os avogados de Redi estiman que poderían acollerse a esta demanda unhas 2.000 granxas en todo o Estado.

19 de febreiro, mobilización na Coruña

O sindicato Unións Agrarias sinala as cadeas de distribución como unha das responsables da situación do sector leiteiro.

A central agraria esíxelle ao novo Goberno estatal que pule polo sector leiteiro garantindo prezos xustos, e convocaron unha mobilización para este 19 de febreiro ante a delegación do goberno na Coruña.