A finais de 2015, as tractoradas colpasaban a cidade de Lugo. Os milleiros de gandeiros e gandeiras denunciaban daquela os abusos das industrias e cadeas de distribución á hora de mercarlles o leite. A día de hoxe, en Galicia continúase a cobrar o leite por baixo do prezo medio da Unión Europea.

- Publicidade -

O sindicato Unións Agrarias esíxelle ao novo Goberno estatal, conformado polo PSOE e Unidas Podemos, que pule polo sector leiteiro garantindo prezos xustos. A central apunta ás sancións como unhas das medidas que podería desenvolver o Executivo central. Como forma de presión social, convocan unha mobilización para este 19 de febreiro pola mañá ante a delegación do goberno na Coruña.

Ademais, a central agraria apunta ás cadeas de distribución como unha das grandes responsables da crítica situación do sector leiteiro. A baixada do prezo do cartón de leite en supermercados pode supor un reclamo para as consumidoras que perxudica ao sector mentres dá gandancias ás grandes marcas de distribución. Unións Agrarias coloca o exemplo do acontecido nun dos Alcampo de Ferrol.

Evolución do prezo do leite

A comezos deste ano, o Sindicato Labrego Galego alertan que o diferencial existente entre o prezo medio do leite na Unión Europea e en Galicia supuxo para as nosas granxas unhas perdas de 66 millóns de euros en 2018, o que dá unha media de 5’5 millóns de euros por mes. Isto acontece, segundo explican desde o SLG, por termos un dos prezos máis baixos da UE, cunha media de 31’9 céntimos por litro. A tendencia á alza na Unión Europea fixo que, dende xuño a decembro, o prezo medio comunitario se incrementase un 6’4%, pero non ocorreu o mesmo no noso país no que a suba só acadou os 32, 6 céntimos a finais de 2019. Porén, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, neste mesmo 2019 chegou a afirmar que “as explotacións leiteiras nunca foron tan rendibles como agora”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego