Triple asasinato machista en Galicia. A primeira hora da mañá, un home entregouse no cuartel da Garda Civil do Milladoiro. O home, de 41 anos, confesou ter asasinado a súa ex-muller, Sandra; a súa sogra, María Elena e a súa cuñada, Alba. O asasino e a ex-exposa tiñan dous fillos de 4 e 7 anos. Os feitos producíronse na parroquia de Cordeiro, en Valga, cando a nai das crianzas ía levalas á escola.

De confirmarse oficialmente, serían xa cinco os asasinatos machistas en Galicia durante 2019, malia que atendendo á normativa vixente, María Elena e Alba non formarán parte das estatísticas oficiais.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

Segundo a lexislación estatal, enténdese por violencia de xénero aquela que se produce “como manifestación da discriminación, a situación da desigualdade e as relacións de poder dos homes sobre as mulleres”. Esta violencia tería que ser exercida sobre cónxuxes ou mulleres que estén ou estiveran “ligadas a elas por relacións similares de afectividade.”

As Nacións Unidas entenden que é violencia contra a muller “todo acto de violencia basado na pertenza ao sexo feminino.”

Comezan a organizarse mobilizacións no país

En resposta ao crime machista de Valga, diversas organizacións galegas xa anunciaron mobilizacións para o próximo 18 de setembro, baixo o hashtag #AlertaFeminista.

As organizacións actualizarán as súas convocatorias durante as próximas horas.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -