“Atópome en proceso de aprendizase autónoma, elaborando pequenos proxectos de debuxo que comparto nas redes sociais”. Así se presenta Paula Valiño que cos seus 22 anos vén de gañar o primeiro premio de videocreación do Xuventude Crea. Paula, Paupilla para as súas seguidoras en Instagram, graduouse recentemente en Belas Artes pola Universidade de Vigo e pertence xa a esa nova xeración de artistas galegas dispostas a revolucionalo todo.
Que significa para ti a ilustración?
Nunha liña xeral, concíboo coma un proceso que permite xerar unha linguaxe universal a través de imaxes. Unha sorte de transcripción da verba á forma e á cor. Axuda a poñer de manifesto unha idea, pensamento, crítica ou mundo interior empregando ferramentas plásticas que motivan a experimentar, a perderlle o medo a axustarse a unhas pautas e proporcións estipuladas. É o complemento ideal do texto pois axuda á persoa que le a mergullarse por completo nas súas augas; nunha cartela de publicidade, sintetiza a información e xoga o papel de mostrarse atractiva ó espectador. A imaxe é o elemento primeiro que captan os ollos do público. Xogar con total liberdade coa realidade, cos espazos… . Retomar as perspectivas antigas, dos libros miniados medievais ou dos xeroglíficos exipcios. Outorgarlle cores distintas á realidade coñecida. En definitiva, unha “fantasía”.
Como encaixan as regras sociais nos traballos creativos?
No meu caso, non creo que transgreda moito as regras. Non debuxo contido ofensivo ou explícito, nin fago nada innovador ou que se saia dos esquemas coñecidos. Xeralmente son debuxos axustados a unha serie de cánones típicos estipulados. Empápome moito do que vexo en redes sociais, na televisión, na publicidade e mesmo no cine. Supoño que neste sentido, o meu traballo é moi neutro.
Recentemente graduada, artista, muller, nova. Como che gustaría que fose o camiño a partir de agora?
Gustaríame que fora fácil. Por desexar, encantaríame adicarme plenamente ó que me apaixona. Estudar dende cero animación 2D, un mundo que descubrín recentemente e que me pareceu moi interesante. Ter un certo recoñecemento, poder levar a cabo proxectos importantes, moverme dun lado a outro, en definitiva, non parar de facer o que me gusta e poder vivir delo toda a vida. Un “choiazo”, ¿non?.
“Aínda existe unha barreira de prexuízos no que a arte se refire”
Como cres que vai ser?
Polo de agora, bastante indeterminado e desdebuxado. É unha sensación que mistura o medo a camiñar a cegas e a emoción por saber qué acontecerá no traxecto. Supoño que, aínda que soñar e ter motivación para facer cousas é indispensable para poder optar ás oportunidades, tamén hai que saber vivir no presente e ser consicente do que podemos ou non podemos facer en cada momento. Admiro moitísimo á xente que, despois de anos de traballo, de súpeto torna as súas perspectivas e acaba atopando o seu lugar no mundo. Prefiro pensar que o tempo pon as cousas no seu sitio, se ben nós tamén temos que dar un pequeno empuxón pola nosa parte.
Sintes que as últimas xeracións que estades saíndo da facultade de Belas Artes tendes un papel que xogar dentro da arte galega?
Creo que hai unha moi boa canteira de artistas e creativos que saíu este ano e en promocións anteriores da facultade de Belas Artes de Pontevedra. Moi heteroxénea e con moito nivel, pero penso que aínda existe unha barreira de prexuízos no que a arte se refire en Galicia. A arte contemporánea… creo que aínda se ve coma algo raro e “entendible” para uns poucos. Ademáis non fluctúa da mesma maneira que noutras zonas de España, e xa qué dicir do resto de Europa e do mundo, a pesares de existir algúns certames e galerías para exponer os traballos de cara ó público. No campo da ilustración e a animación, xunto co cómic, hai moi bos referentes con recoñecemento nacional e internacional dos que poder sentirnos orgullosos. Falo tanto daqueles que comezaron o seu traballo na década dos noventa como dos máis novos que están eclosionando agora. Tanto homes coma mulleres. Destas últimas, algunhas coma Lidia Cao, Xulia Vicente, Meli Molita, Paz Rodríguez, Bea Gregores, Laprislazuli, Belén Diz Juncal… poñen de manifesto que existe talento e diversidade de sobra para fomentar o mundo da creatividade e da expresión plástica no noso territorio, e invertir na súa mellora para as xeracións futuras.