Home Programas Espazo Aberto A veciñanza de Casalonga organízase para evitar mañá as voaduras na canteira

A veciñanza de Casalonga organízase para evitar mañá as voaduras na canteira

0
A veciñanza de Casalonga organízase para evitar mañá as voaduras na canteira

A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos confirmaba este domingo ante as 3.000 persoas reunidas na manifestación contra o proxecto de Toysal o inicio de voaduras na canteira previstas para este martes ás 10.30 horas. Ante a noticia, a veciñanza alí reunida decidiu organizarse e acudir á canteira mañá co obxectivo de impedir que a empresa propietaria da canteira continúe adiante cos seus plans.

Ao mesmo tempo, celebrouse a paralización inmediata do baleirado da lagoa da canteira por parte da Xunta de Galicia. O Goberno galego confirmou que a empresa tiña permiso para efectuar o vertido de augas, pero que incumpriu unha das condicións que consistía no tratamento previo desas augas. Con isto, a Plataforma lanzou unha mensaxe de loia á veciñanza pois “só cambios nas leis autonómicas ou estatais poden paralizar para sempre este atentado contra a saúde pública que se está a producir ao permitirse que antigas canteiras poidan converterse en vertedoiros coa escusa da súa restauración”, apuntaron.

Tres mil persoas encheron a manifestación do domingo

A marcha cara a canteira de Casalonga  congregou a máis de 3.000 persoas pese ao precipitado da convocatoria, organizada nun tempo récord de tres días. Na marcha, que se desenvolveu nun ambiente distendido, destacaron, ademais de numerosas camisetas e “piruletas” da plataforma, pancartas caseiras con diferentes motivos e lemas, como as protagonizadas polos patos e ras da canteira que se preguntaban a onde irían agora.

Xa a altura da lagoa procedeuse a un acto de peche no que a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos informou aos asistentes dos movementos que tanto a empresa explotadora da canteira como a propia plataforma fixeran na última semana, dende que se tivo noticia do inicio do proceso de baleirado ata a súa paralización temporal coa correspondente sanción aos responsables da vertedura.