Os Orzamentos Participativos da Mocidade traen a Compostela o ciclo de “Cine ao aire libre”

Continúan as presentacións de actividades vinculadas aos orzamentos participativos

A nosa cidade acollerá o ciclo de “Cine ao aire libre”, como resultado dunha proposta presentada polo grupo Scout Chan 292. A concelleira Noa Morales presentou en rolda de prensa esta iniciativa, que é froito do proceso de Orzamentos Participativos da Mocidade deste ano.

- Publicidade -

Cinco espazos de Compostela acollerán o ciclo de “Cine ao aire libre”. O ciclo dará comezo o vindeiro martes 27 de xuño, no parque san Xoán en Vista Alegre coa proxección de Los mundos de Coraline. Continuará o martes 4 de xullo no Paseo Central da Alameda, o martes 11 de xullo na Praza de Praterías, o día 18 no Parque de Belvís e o 26 no de Bonaval. Para o caso do Parque de Belvís non haberá cadeiras así que se recomenda traer unha manta ou toalla para sentarse no chan.

O público votará, quitando a primeira das emisións, que películas se emitirán neste novidoso ciclo de cinema.

Votación nas redes sociais

Pódense votar os filmes a través do Facebook da Concellería de Mocidade. O prazo rematará o 23 de xuño e pódese escoller entre as seguintes opcións: O libro da Selva, The Blues Brothers, Annie Hall, Avatar, Azur et Asmar, Regreso ao futuro, Boyhood, o Clube dos poetas mortos, Cadea de favores, A invención de Hugo, Intocable e Wall-E.

A presentación deste ciclo de cinema súmase á outra actividade presentada en breves e vinculada ao proceso de orzamentos participativos do 2017 do Concello de Santiago; a actividade Elas tamén pintan.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego