O Sindicato Labrego Galego, Amigos da Terra e a Asociación Frouma veñen de rexistrar un escrito no que lle piden á Consellaría de Medio Rural a reformulación do funcionamento do Consello Forestal de Galicia (CfdeG) segundo informaron este luns nun comunicado.
“Esta petición débese a que temos solicitado de maneira reiterada, ano tras ano, unha participación e consulta máis activa na elaboración do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais deGalicia (Pladiga) por parte das entidades que formamos parte do Consello Forestal de Galicia (CFdeG)”. Ao mesmo tempo, denuncian a “deriva totalitaria” deste órgano consultivo da Xunta que mesmo lles “negou información previa sobre o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de 2019 ou a non admitir achegas”.
De feito, para a celebración do último CFdeG, celebrado o pasado 26 de abril, non se enviou ningunha documentación previa do Pladiga aos membros do Consello e nin sequera se abriu a posibilidade de facerlle achegas. O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto sentenciou o debate cunha frase lapidaria que lembra épocas autoritarias do pasado: “O Pladiga apróbase no Consello da Xunta, e punto!”. Para o SLG, Amigos da Terra e Frouma, é evidente que o funcionamento do Consello Forestal como órgano consultivo da Administración “estase a perverter”.