As principais promotoras da cultura galega atópanse dende este venres ata o domingo, 1 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra para celebrar máis unha edición do Culturgal. Ao longo destes tres días, arredor de 15.000 persoas percorrerán as máis de cen casetas que configuran este macroencontro das industrias culturais de Galicia. Entre tanta oferta cultural, facemos unha pequena escolla de cada unha das diferentes expresións artísticas que encherán esta 12ª edición do Culturgal.
A prestrea de ‘Eroski Paraíso’
O sábado ás 19 horas terá lugar a prestrea de ‘Eroski Paraíso’. A longametraxe Eroski-Paraíso dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron a partir da obra homónima da compañía Chévere conta a historia de Eva, Antonio e a sala Paraíso na ollada da súa filla Alex. Todo un luxo poder descubrir a película días antes da súa chegada ás salas comerciais.
A fraga do meu avó
A obra A fraga do meu avó de Mamá Cabra editada por Galaxia presentarase ao público ás 19.45 horas deste sábado. O libro, que tamén está musicada, serve para narrar a importancia do coidado da natureza ás crianzas.
Marful e Sabela (OT)
É do máis anunciado desta edición do Cultural. Sabela Ramil escollera unha canción de Marful para competir na fase final de Operación Triunfo e este sábado, ás 21.30 horas, subirá co grupo aos escenarios. Trátase dun concerto cun amplo significado dentro do impulso da nosa música e o noso idioma.
O Colo das Palavras
O domingo ás 16.30 horas ‘O Colo das Palavras’m a cargi da Asociación Semente Trasancos, estará na zona da carpa. haberá música e poesía para presentar un libro-cd con 16 poemas, da autoria de Antón Cortizas e Antia, Rosalia e Catarina Cortizas Leira, musicados por Oscar Fojo Lamas, João Afonso, Sílvia Fojo, Cé Orquestra Pantasma, Xurxo Souto, Manolo Bacalhau, Guadi Galego, Tanxugueiras, Sofía Espiñeira, Caxade, Uxía Senlle, Sara Vidal, Fatado do Colo (Leandro Lamas, Silvia Fojo, Paula Fojo, Lorena Montero) e Xoán Padín.