Home Programas Espazo Aberto O Colexio de Psicoloxía denuncia a falta de interese da Xunta na atención á saúde mental

O Colexio de Psicoloxía denuncia a falta de interese da Xunta na atención á saúde mental

0
O Colexio de Psicoloxía denuncia a falta de interese da Xunta na atención á saúde mental

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) denuncia a “lamentable situación da atención psicolóxica na comunidade autónoma galega” e traslada a súa preocupación polo feito de que a próxima publicación do Plan Galego de Saúde Mental non poña remedio a esta realidade. Dende o COPG fan fincapé na comparecencia do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia o pasado xoves 28 de novembro. Nesta comparecencia, “evidenciouse nas respostas do representante da Administración sanitaria galega un preocupante descoñecemento sobre a situación da saúde mental en Galicia, así como un escaso interese en mellorala”.

O director xeral de Asistencia Sanitaria sostivo que a psiquiatría tería a competencia exclusiva no diagnóstico en saúde mental. Ante isto, o COPG oponse “frontalmente” a esta interpretación que vulnera a lexislación vixente e polo tanto, os dereitos das persoas usuarias do servizo de saúde.

Plan de Saúde Mental

O Plan Galego de Saúde Mental parte con dous anos de retraso sobre o comprometido, xa que segundo se anunciou desde a Consellería de Sanidade publicarase en 2020, tras unha década sen planificación pola suspensión en 2009 do Plan daquela vixente (Plan Estratéxico de Saúde Mental 2006-2011). Tras o manifestado na devandita Comisión de Sanidade este xoves, desde o Colexio de Psicoloxía expoñen a súa “total desconfianza” en que o vindeiro documento non poida poñer remedio nas cuestións prioritarias que sinalan desde esta entidade que representa a máis de 3.000 profesionais en Galicia. “O COPG participou en todos os Grupos de Traballo aos que foi convidado para a redacción do Plan; unha vez rematada esta fase, solicitou acceder ao borrador do documento para poder avaliar o resultado, e continuamos sen obter resposta un ano despois”.

A saúde mental en Galicia

Apenas 98 psicólogos e psicólogas clínicas prestan atención psicolóxica no Sergas, unha cifra conxelada desde hai anos nos que só se deu cumprimento á taxa de reposición. “Esta clamorosa infradotación ten como consecuencia, entre outras, que as persoas atopen unha lista de espera superior aos 8 meses nalgúns servizos para ter a primeira consulta de psicoloxía clínica, un tempo entre consultas que resta eficacia ao tratamento, ou que existan dispositivos sen psicólogos/as clínicos/as, como o Hospital de Día de Santiago de Compostela, ou sen a dotación mínima precisa (Unidades de Saúde Mental con PC a tempo parcial)”.

Dende o Colexio de Psicoloxía de Galicia advirten de cifras como o feito de que unha de cada dez persoas en Galicia consume antidepresivos, unha proporción que sitúa a nosa comunidade só por detrás de Asturias, mentres que si é a Autonomía con maior porcentaxe de poboación que consume tranquilizantes e hipnosedantes, un 15%. E Galicia tamén é líder entre as comunidades que publican estes datos para a poboación infantoxuvenil, “xa que a día de hoxe uns 20.000 nenos e nenas menores de 15 anos consomen ansiolíticos“. Neste repaso de cifras, “cómpre lembrar que máis de 3.000 persoas morreron por suicidio en Galicia desde 2010”.

“Estas son algunhas das estatísticas oficiais que demostran que malia contar cunhas prevalencias de trastornos mentais moi elevadas, a resposta asistencial é maioritariamente medicamentosa. Desde o Colexio de Psicoloxía de Galicia apelamos á administración sanitaria para que dispoña os medios que permitan reverter a alarmante situación exposta e que facilite á poboación un acceso equitativo, racional e eficaz aos tratamentos psicolóxicos, á vez que lle trasladamos a completa dispoñibilidade desta institución para a colaboración en prol de conseguir unha atención psicolóxica accesible, pública e de calidade en Galicia”, sentencian.