O eco das multitudinarias mobilizacións en defensa do sistema público de pensións chega ao Parlamento galego. O BNG presentará, no Pleno deste martes, unha batería de iniciativas para “recuperar os dereitos” das persoas xubiladas e “garantir unhas pensións decentes”. A súa proposta principal contempla unha suba de 100 euros para as pensións non contributivas inferiores aos 400 euros mensuais.
Pontón: “É cuestión de vontade política que Galiza ofreza pensións máis xustas”
Pontón defende que a aprobación desta medida en Galicia, que garantiría unhas retribucións “máis xustas”, sería cuestión de “vontade política” por parte da executiva de Núñez Feijóo. Na mesma liña apunta o líder socialista, Fernández Leiceaga, quen asegura que o sistema de pensións debe ter “sostibilidade” e “permitir unha vida digna” ás e os beneficiarios. O PSdeG-PSOE lamenta o “despropósito” que supón a suba anual do 0’25%.
Asemade, En Marea insta á Xunta e o Estado a “promover medidas que fagan viable o sistema de pensións”. Luís Villares preguntará ao Goberno galego no Pleno cales son as súas propostas nesta materia.