Neste mes de novembro e por segundo ano consecutivo, Nós Televisión tínguese de negro e súmase á campaña de sensibilización contra a lacra das violencias machistas.
Dende o seu inicio no 2015, esta campaña naceu en Compostela e foise expandindo por toda Galicia, e hoxe son xa máis de cen concellos adheridos e 3 deputacións provinciais. No 2017, a participación de establecementos, negocios, asociacións, centros educativos, e axentes sociais foi masiva. Así, os comercios e lugares públicos, especialmente en Compostela, cubren os seus espazos co material da campaña, que en letras brancas sobre fondo negro, co logotipo creado pola deseñadora Uqui Permui, reflectían a orixe da violencia machista e as súas consecuencias; as redes sociais son tamén durante días un espazo de denuncia.
Deste xeito, co convencemento de que é imprescindible contar con medios de comunicación implicados na loita contra as violencias machistas, desde Nós Televisión prestaremos especial interese pola difusión das actividades relacionadas coa campaña e daremos voz a aqueles colectivos especialmente invisibilizados polos medios de comunicación convencionais.
Ademais, desde este mesmo momento, a comunicación corporativa da nosa canle adoptará o negro como cor principal e isto será visible, en especial, en todos os grafismos incluídos no noso programa informativo diario (Luns a vernes, 21:00h). Ademais, o logotipo da campaña ‘En negro contra as violencias machistas’, tamén será visible durante as nosas emisións.