Unhas xornadas analizarán en Compostela os delitos contra a integridade sexual

Organizadas polo concello e o grupo de Cidadás Inquietas de Compostela procurarán crear un protocolo común e demandar a creación dunha oficina de atención ás vítimas

O Concello de Santiago e o grupo de Cidadás Inquietas de Compostela organizarán os vindeiros días 8 e 9 de novembro unhas xornadas sobre delitos contra a integridade sexual no que participarán expertas e expertos de varios ámbitos. Explicouno en rolda de prensa a concelleira de Igualdade, Marta Lois, acompañada pola avogada María Luísa Pasín.

A concelleira de Igualdade amosouse “orgullosa” de participar na organización destas xornadas que considerou “unha demanda obxectiva” da cidadanía. Puxo como exemplo as 90 persoas inscritas na actividade a día de hoxe.

Marta Lois diseccionou as xornadas nas que participarán profesionais dos ámbitos educativo, sanitario, social, policial e xudicial. Están estruturadas en catro mesas que tratarán sobre a detención e intervención nos delitos sobre a integridade sexual no ámbito social, investigación nos delitos contra a integridade sexual, pautas de actuación no ámbito forense-sanitario e protección da vítima e dereito de defensa na instrución e enxuizamento dos delitos sobre a integridade sexual.

Crear un protocolo común

“Os obxectivos destas xornadas son crear un protocolo autonómico de actuación para estes casos que sexa común en todos os ámbitos”, clarificou a avogada María Luísa Pasín, “e a nivel local conseguir unha oficina de atención ás vítimas de delitos contra a integridade sexual”.

Para esta avogada, membro do grupo Cidadás Inquietas de Compostela, algúns dos problemas con que se atopan as vítimas son “as excesivas trabas xudiciais e unha falta de formación que fai que exista unha ruptura entre a cidadanía e a xustiza”.

Presión social

Marta Lois explicou tamén o traballo que está a desenvolver o concello para solucionar algunhas zonas como o Campus Sur, que estrarían dentro do “mapa do medo” da cidade. “Estamos traballando cun colectivo de estudantes universitarias e mantivemos encontros coa USC”, indicou, “e comezamos por mellorar a iluminación nalgunhas zonas”.

Consulta o programa

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego