David Bruzos (Ourense, 1979) cando fala diante dos medios de comunicación ten un trato cercano, mesmo humilde por momentos. Profesor e activista serían dúas palabras que poderían definilo, tamén político logo do seu paso polo Congreso dos Deputados nas eleccións xerais de 2015.
Agora, como cabeza de lista da candidatura “crítica” coa actual dirección de En Marea volve a primeira liña e por este motivo Nós Televisión quixo falar con el. Iniciamos a entrevista querendo saber como, logo de deixar o primeiro plano político, acepta liderar esta candidatura. Bruzos resume o seu compromiso lembrando o movemento que conseguiu varias alcaldías no 2015, un logro que aspira a superar no 2019.
De entre as acusacións que se lle fai á súa candidatura a máis reiterada nos medios de comunicación do país é a de que teñen máis peso os partidos políticos que lle dan o seu apoio que as persoas. David Bruzos négao e explica porque a súa candidatura conta cunha diversidade de nomes moi ampla que abrangue moitas sensibilidades.
Bruzos fuxe do choque con Luís Villares desde o primeiro minuto. Recoñece o seu traballo no Parlamento galego mais afirma que algo non se está a facer ben cando hai xente que non se sinte cómoda no espazo actual de En Marea. Para mudalo a súa proposta é ambiciosa.
A ampliación do espazo de En Marea é a principal proposta da súa candidatura.Válida no horizonte non só polas eleccións municipais e europeas, senón tamén polas que virán logo para dirimir se Feijóo segue como presidente da Xunta ou hai un cambio de rumbo na política galega.