Home Espazo Aberto Cultura ‘Galicia, un relato no mundo’: patrimonio que volve a casa

‘Galicia, un relato no mundo’: patrimonio que volve a casa

0
‘Galicia, un relato no mundo’: patrimonio que volve a casa
Imaxe: Cidade da Cultura.

O próximo 14 de novembro comezará a exposición ‘Galicia, un relato no mundo’ que traerá á Cidade da Cultura unhas 300 pezas relacionadas co país pero que por motivos diversos remataron espalladas polo mundo. A exposición “explora a interacción entre o territorio histórico galego e o resto do mundo nun percorrido que nos leva desde a prehistoria ata a actualidade”, segundo expón na súa web.

Entre as pezas están ‘A Santa’, de Francisco Asorey, feita en 1926 pero que leva en Uruguai desde os anos 50. Salienta Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais, o polémica e transgresora que foi, por amosar nesa época unha muller espida coa actitude que amosa.

Manuel Gago, do Consello da Cultura Galega, é o comisario da exposición, organizada pola Xunta de Galicia. Na presentación, Gago contaba que “é unha exposición dunha Galicia que se sabe global e que quere ser global; radicalmente contemporánea pero que é capaz de mirar o seu pasado para contarnos un relato que vai máis alá do que somos cada un de nós.”

Para Anxo Lorenzo, a viaxe de volta das pezas “traza un discurso sobre a identidade galega a través de pezas espalladas polo mundo, recollendo esa vinculación inversa coa diáspora galega.”

Outra das pezas máis interesantes é a Biblia Kennicot, que vén desde Oxford. É unha biblia xudea feita en 1476 na Coruña que marchou trala expulsión dos xudeus por parte dos Reis Católicos. Para Manuel Gago, é “unha invitación ao diálogo; reúne o mellor da tradición hebrea coas tradicións musulmá e cristiá.”

Imaxe: Cidade da Cultura.

Tamén volven a casa o Libro das Invasións, no que se fala por primeira vez de Breogán ou unha bandeira do Tercio de Gallegos, emigrantes galegos que loitaron por Arxentina como resistencia ante as invasións inglesas.