Home Programas Espazo Aberto O nacionalismo galego sae en defensa das independentistas catalás

O nacionalismo galego sae en defensa das independentistas catalás

0
O nacionalismo galego sae en defensa das independentistas catalás

As forzas políticas do nacionalismo protagonizan en Galicia a condena á sentenza emitida o pasado luns polo Tribunal Supremo en contra do independentismo catalán. Tanto Anova como o BNG emitiron os seus respectivos comunicados no que advertiron dos riscos desta sentenza para os dereitos e liberdades dos pobos, con especial atención ao movemento polo dereito da autodeterminación e a soberanía nacional.

As alarmas dentro do nacionalismo continúan ante a represión policial exercida en contra das mobilizacións populares en vilas e cidades catalás, que amosan o seu rexeitamento ao ditame xudicial e ao mantemento das súas e dos seus dirixentes políticos na prisión.

“A esquerda debe formar un bloque democrático fronte a esta sentenza e actitude do estado español”, Antón Sánchez

Neste senso, o voceiro de Anova, Antón Sánchez, realizou un chamado á esquerda para conformar un “bloque democrático” ante a “actitude do estado español”.

Dende o BNG, Ana Pontón cualificou de “erro político” e “síntome da involución democrática” a sentenza do TS que condena a un total de 100 anos de prisión ás e aos líderes de Catalunya que participaron no referendo do 1 de outubro de 2017.

Fóra do arco parlamentario, caras visibles do nacionalismo agrupado no BNG como Suso de Toro tamén condenaron con dureza esta sentenza. “Só é concibible dende Madrid”, sentenciaba o escritor que explica as razóns polas que a sociedade catalana non recoñece este ditame xudicial.

Reaccións á sentenza do TS fóra do nacionalismo

Fóra do ámbito nacionalista, Esquerda Unida chamou á fin da xudicialización do chamado “procés” e colocaron a principal disputa no modelo constitucional do estado español.

Dende Podemos Galicia non se emitiu comunicado algún aínda que si mostrou a súa postura pública a través do posicionamento do seu secretario xeral, Antón Gómez-Reino, nas redes sociais.