A expansión do coronavirus é un problema asumido por todas persoas pero non todas concordan coa xestión desta crise sociosanitaria e, por tanto, das súas consecuencias. O decreto do estado de alarma por parte do Estado veu acompañado dunha serie de pautas de comportamento destinadas ao confinamento da poboación. Tras isto, os efectivos dos corpos das forzas armadas saíron á rúa concentrando a atención no seguimento correcto destas pautas: saír o mínimo posible das casas. Mentres isto sucedía, fábricas como Citroën ou Finsa continuaban funcionando.
O foco foi colocándose cada vez máis no grao de cumprimento das pautas de comportamento sinaladas polo Goberno chegando a dispararse o número de controis policiais. En apenas uns días, circulaban o número de detencións por desobediencia e tamén o número de denuncias formuladas por parte da cidadanía.
A resposta dos movementos sociais e políticos comeza a cobrar presenza nas redes sociais. Circulan xa vídeos, cartaces e mensaxes que chaman a non caer na vixilancia das veciñas senón que apunten ás que consideran responsables de que esta pandemia atope unha sociedade en estado de vulnerabilidade e desprotección: á patronal e a un Goberno que promove as privatizacións e os recortes en investigación. Así o apunta, por exemplo, un dos cartaces que máis circulou nas redes sociais durante as últimas horas.
Dende o movemento feminista galego tamén se sinalan as privatizacións efectuadas polo Executivo de Alberto Núñez Feijóo e a patronal como responsables da carencia de ferramentas populares para facer fronte ao coronavirus. Así o nomean, por exemplo, dende a Marcha Mundial das Mulleres de Galiza.
Os sindicatos tamén están facendo a súa parte. A Central Unitaria de Traballadoras (CUT) denuncia directamente que se coloque a loita contra o virus nas forzas armadas e non na investigación. Neste caso, fan alusión a gobernos socialistas como o de Cuba no que xa se desenvolveu a vacina contra o virus e envía axuda humanitaria a países afectados.
A Confederación Intersindical Galega (CIG) céntrase nestes momentos no ofrecemento dunha guía laboral ante os numerosos ERTEs e despedimentos e en solicitar unha ampliación do decreto de alarma para paralizar ao completo a produción.