
Hai dez días decretábase o estado de alarma e a corentena no estado español: quedan prohibidas viaxes xustificadas e calquera movemento que non sexa de forza maior. Con todo, un día despois da declaración do estado de alarma, o Consello da Xunta acorda permitir a caza do xabarín e o día 22, publica no DOG esa exclusión na prohibición da caza de especies cinexéticas -especialmente a de xabarín- cando a realice un só cazador. A administración entende que a actividade é unha “medida de control” para previr accidentes de tráfico e danos á agricultura e á gandeiría.
A Xunta decidiu remitir estas condicións excepcionais ao Estado, entendendo que é “unha situación de necesidade”, dacordo co Real Decreto do estado de alarma. O que non explica o DOG é, por exemplo, como vai controlar que a actividade responde a unha medida de control ou ao ocio.
Varias denuncias
A Asociación para la Conservación y Estudio del Lobo Ibérico (ASCEL) cre que esta medida é “un trato de favor”, e táchaa de “inadmisible”. Por este motivo, presentou unha dobre denuncia ante a Delegación do Goberno en Galicia e ante o Ministerio do Interior. Nelas, esixen que se anule o acordo séptimo (relativo á caza) e a apertura dun expediente sancionador a quen subscribise o acordo. Ademais esixe “que sexa público e notorio que ningunha actividade cinexético pode estar exenta das restricións do RD 463/2020”, que declaraba o estado de alarma. Esta asociación xa presentou denuncias similares en Castela e León e Asturias.
A semana anterior, a Fundación Franz Weber denunciaba o acordo do 14 de marzo que só prohibía “accións de caza colectivas” pero deixaba aberta as modalidades individuais, como por exemplo a caza do corzo. A denuncia fixo efecto e a Xunta limitou a caza ás medidas de control anteriores.
Rubén Pérez, da Franz Weber, aplaude esta “pequena rectificación”, pero cre que o feito de que aínda se permita a caza de especies cinexéticas non ten moito sentido: “Pensamos que responde a presións do lobby da caza e para poder dicirlles a gandeiros e agricultores que a Xunta os vai protexer. Non houbo noticias na prensa sobre danos nos últimos días e no caso dos accidentes, non hai tantos vehículos”. Ademais, sinala que non ten ningún sentido poñer a un só cazador a cazar xabaríns.