Home Programas Espazo Aberto Denuncian o acordo entre o SERGAS e a multinacional Medtronic por promover “tratamentos discriminatorios”

Denuncian o acordo entre o SERGAS e a multinacional Medtronic por promover “tratamentos discriminatorios”

0
Denuncian o acordo entre o SERGAS e a multinacional Medtronic por promover “tratamentos discriminatorios”

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia públicamente o convenio asinado polo SERGAS coa multinacional Medtronic S.A. co que, a cambio da cesión en uso de RM, TC e outros equipos de diagnóstico para as áreas de cardioloxía dos hospitais clínicos universitarios de Lugo e Santiago e de cardioloxía e cirurxía dixestiva do hospital da Coruña, o Servizo Galego de Saúde pon a disposición da empresa a súa estrutura organizativa, e, daquela, medios humanos e materiais para testar os produtos que a empresa comercializa en todo o mundo e mellorar a súa posición estratéxica no mercado.

A asociación denuncia que é “contrario ao interese público” que os equipos estean ao servizo exclusivo de áreas específicas de atención e que “se doten recursos para a súa posta en funcionamento atendendo ás necesidades estratéxicas dunha multinacional”. Con isto, esixen que estes equipos se coloquen ao servizo de toda a demanda asistencial e que os recursos humanos que se doten deben ter esta finalidade esencial.

Segundo a asociación, nestes momentos os equipos xa están practicamente instalados na zona asignada para eles na antiga sala de rehabilitación e está prevista a posta en funcionamento nos próximos meses. Debido a isto a asociación consideran necesario que o SERGAS e a xerencia inicien a tramitación do proceso de selección do persoal sanitario necesario para a súa posta en servizo. Sinalan a necesidade de contratación de novas traballadoras e traballadores para atender as probas na nova maquinaria xa que actualmente o persoal de radioloxía está atendendo os aumentos da demanda global do servizo mediante horas extras en xornada de tarde e fins de semana.