Home Programas Espazo Aberto Enaltecemento do terrorismo, a única acusación coa que a AN continúa o proceso xudicial da ‘Operación Jaro’

Enaltecemento do terrorismo, a única acusación coa que a AN continúa o proceso xudicial da ‘Operación Jaro’

0
Enaltecemento do terrorismo, a única acusación coa que a AN continúa o proceso xudicial da ‘Operación Jaro’

A Audiencia Nacional vén de retirar a acusación de “pertenza a banda armada” ás nove militantes de Causa Galiza que foran detidas en outubro de 2015 nunha operación policial alcumada ‘Operación Jaro’. O operativo que levou a cabo a Garda Civil baseábase nunha grave acusación contra Causa Galiza, a de ser o “brazo político” de Resistencia Galega, considerada unha organización terrorista polo Tribunal Supremo. A propia Audiencia Nacional chegou a decretar a suspensión temporal de actividades de Causa Galiza ata que, varios meses despois, o Supremo levantou dita suspensión que dende o movemento social se denunciara como unha “ilegalización de facto”. Catro anos despois, a única acusación que se mantén neste proceso xudicial é o de “apoio e enaltecemento do terrorismo”.

Na rolda de prensa na que a organización anunciou este último movemento dentro do proceso xudicial, sostiveron que “o decurso dos acontecementos fala con claridade da inexistencia de garantías xurídicas no actual rexime neofranquista, da complicidade dos principais medios de comunicación coas estratexias da Garda Civil e da vulneración absoluta do principio de presunción de inocencia, que se viola sen pudor cando se trata de conseguir a máxima eficiencia da represión política”.