O último campionato de caza do raposo da tempada prevése para este sábado 8 nos tecores lucenses de Portomarín, Guntín, Paradela e Monterroso. O colectivo animalista Libera denuncia que a Xunta de Galicia autorizase este evento na Ribeira Sacra ao igual que a organización Convivencia Ética. Dende este último, consideran que os tecores infrinxen o regulamento ao non comunicar datos como os cazadoiros nos que terá lugar o campionato ou o número aproximado de cazadores e de cans polo menos dez días antes das batidas.
Convivencia Ética considera que estes datos deberían ser feitos públicos pola Administración para dar seguridade a aquelas persoas non cazadoras que tamén reclaman o seu dereito ao uso pacífico do monte. “A Xunta, deste xeito, está a autorizar cacerías ano tras ano sen un coñecemento real da situación da fauna e aprobando as batidas que poden alterar gravemente o equilibrio ecolóxico como no caso do despunte da rata toupe na provincia de Lugo”, denuncian.
A Plataforma ConÉtica presentou unha denuncia o 17/12/2019 ante a Xefatura Territorial de Medio Ambiente polas infraccións mencionadas requirindo información ao respecto. A denuncia está aínda sen resposta.