Axóuxere Editora, o Concello de Rianxo e a Deputación da Coruña organizan xuntas un proxecto de residencias de escritoras/es e pensadoras/es que se realizará en Rianxo, nunha casa situada na aldea de Brión, na parroquia de Leiro, ao longo do ano 2019. As residencias están divididas en dúas tempadas estacionais: verán e outono. Pódense accede a elas a través da súa web.
Proxecto de residencias
“Os procesos de escrita literaria así como a propia tarefa do pensar –implícita en todo canto o humano desenvolve– requiren de espazos e tempos axeitados para provocar esa intensidade que dá a nacer a obra creativa. Espazos e tempos liberados de obrigas e determinantes externos; lugares onde as condicións operativas sexan as adecuadas para exercer libremente a poiese do pensar e do inventar literario.
Asistimos a unha época distorsionada na relación entre o creador e a súa obra, unha época que potencia a finalidade espectacular, mercantil, inmediatista. Nun espazo así a obra do pensar ou a obra literaria nacerá con dificultade ou non nacerá”, indica Axóuxere Editora.
A participación nas mesmas, no caso de ser elixida a persoa que se presente á convocatoria, será gratuíta e unicamente deberá realizar, como forma de pago, un seminario ou obradoiro no contexto do Concello de Rianxo e unha lectura, conferencia ou recital no mesmo contexto..