O sindicato Unións Agrarias denuncia o recorte de 22,88 millóns de euros nas axudas europeas ás explotacións gandeiras da montaña. A Xunta de Galicia enviou a Bruxelas o último día de prazo a reprogramación dos fondos do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR) 2014-2020, necesaria ao ter executado unicamente un 45% dos fondos a un ano do fin do período de execución ordinaria que remata no ano 2020, segundo denuncia a central.
“Esta proposta enviada a Bruxelas, inclúe a cancelación da asignación de 22,88 millóns de euros, que estaban programados para ser percibidos antes do 2020, polas explotacións gandeiras fundamentalmente de montaña, e que suporá na práctica que deixen de recibir unha media de 3.821,89 euros por explotación, e 505,81 euros por explotación as situadas en zonas con limitacións naturais distintas de montaña”, calculan.
Unións Agrarias tamén denuncia a política “de feitos consumados” que supón recibir as alegacións das organización agrarias o día 18 de novembro, para enviar a proposta de modificación á Comisión ao día seguinte 19 de novembro, despois de ter esgotados os prazos fixados pola Comisión Europea para remitir a proposta, con data inicial o 18 de agosto. “O que evidencia ás claras a falta de interese da Xunta en negociar e tomar en consideración as aportacións dos socios do Comité de Seguimento do PDR e o desprezo as súas alegacións”, sosteñen. Por elo, Unións Agrarias solicitou nas súas alegacións enviadas á Comisión que rexeiten de plano esta proposta da Xunta.