Carmen Santos Queiruga (Porto do Son, 1981) aterrou no Parlamento de Galicia en outubro de 2016, liderando un novato Podemos dentro do partido instrumental de En Marea. A secretaria xeral da formación morada fai unha valoración “positiva” do seu primeiro ano e medio de lexislatura, malia a maioría absoluta dun PP que goberna a base de “despotismo” e “mortadeladas” —en referencia ás populares historietas de Mortadelo y Filemón—.
Santos afronta esta entrevista sen ambaxes, respondendo con aparente firmeza e convicción ás cuestións máis controvertidas da actualidade política da súa forza política, tales como a división interna producida como consecuencia do ‘caso Quinteiro’ ou as críticas dalgúns sectores de En Marea por mor da xestión do grupo parlamentario. A deputada non se “fía” de Ciudadanos, aposta pola unidade popular “respectando a Podemos” e coida que a cidadanía outorgue un “voto de confianza” á coalición de esquerdas de cara ao futuro.
“Podemos é leal a En Marea”
Malia as discrepancias internas que puidesen xurdir durante este tempo, Santos non o dubida: a súa formación está ben integrada no grupo de En Marea e actúa con “lealdade” ás catorce deputadas e deputados que o conforman. O único fin de Podemos, asegura, é “traballar para a cidadanía” dende a unidade popular e o “respecto” ás e os inscritos no partido.
Resposta ás críticas de Anova
Dende que se constituíu o grupo confederal de Unidos Podemos no Congreso dos Deputados, son moitas as voces que se manifestaron criticamente no tocante ao funcionamento do mesmo. A meirande parte destes reproches procedían do sector máis crítico de Anova, no que se atopan o actual voceiro da formación, Antón Sánchez, e o histórico dirixente Xosé Manuel Beiras. Porén, Carmen Santos defende que Galicia nunca tivera “tanta visibilidade” na Cámara Baixa até a irrupción de En Marea.
Apoio a Paula Quinteiro
Unha das cuestións que está a supor máis crebacabezas a Podemos Galicia é a polémica xerada arredor da deputada Paula Quinteiro. A secretaria xeral do partido defende á súa compañeira e rexeita a celebración da consulta á militancia proposta por Luís Villares, líder do partido instrumental no Parlamento. “Non se está actuando en base aos estatutos de En Marea”, apunta Santos.
Son moitos os asuntos que copan a ‘axenda mediática’ dunha personalidade política que, a pesar dos obstáculos que teñan xurdido durante este tempo, asegura seguir a mirar cara ao futuro con “optimismo”.
A entrevista completa poderá verse desde este vindeiro luns na canle de Nós Televisión sendo a súa estrea o vindeiro mércores 23 de maio ás 22:00h