Máis de 120 alumnas e alumnos de distintas localidades galegas (Vigo, Becerreá, Lugo, Dodro, Verín, Castro Caldelas, Burela, Rianxo, Quiroga, Fene, Portas, Betanzos, Porriño, Narón e Bueu) participaron nesta II Edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María que organiza a Casa-Museo Manuel María.
Este ano as gañadoras foron Xiana Collazo Rial, do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, co videopoema “Lúa descolorida”, e Sara Casanova Martínez, do IES de Quiroga, co videopoema “Negra sombra”.
Segundo o xurado do certame, composto polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista, Eduardo Álvarez González, e a profesora e guionista, Anxa G. Refoxo, o videopoema “Lúa descolorida” conta cun “exquisito uso da linguaxe audiovisual e a coherencia nos versos escollidos que con excelentes metáforas visuais consegue transmitirnos unha historia”, e do videopoema “Negra sombra” afirman que conta cunhas “estupendas metáforas visuais, unha moi suxerente utilización da cor e unha excelente montaxe para nos ofrecer a interpretración do poema”.
Os membros do xurado sobrancearon a alta calidade alcanzada nesta edición, a diversidade de temáticas presentadas e o feito de que se estenda o concurso polos distintos centros educativos do país, o que é unha mostra da súa consolidación.
A finalidade deste certame é potenciar a creatividade artística a través da harmonía entre palabra e imaxe e difundir a obra de Rosalía e Manuel María.