Home Programas Área Compostela A Festa do Apego, un ano máis “pola vida e pola lingua”

A Festa do Apego, un ano máis “pola vida e pola lingua”

0
A Festa do Apego, un ano máis “pola vida e pola lingua”

O Auditorio de Galicia acollerá o 22 de decembro unha nova edición da Festa do Apego. O programa, no que participan máis de 20 Concellos galegos, está enfocado a crianzas de 0 a 6 anos e tenta servir como axente normalizador da lingua galega. Baixo o lema “pola vida e pola lingua”, dende Apego recalcan a importancia de socializar e crear vínculos no idioma propio desde a infancia xa que constitúe a base da futura identidade dos cativos. Presentou o programa o alcalde de Compostela, Martiño Noriega.

Teatro e contos, proxeccións audiovisuais, obradoiros de construción de xoguetes e instrumentos, e sobre todo moita música ocuparán de 12 da mañá a 7 da tarde a xornada do Sábado de 22. Toda a información aquí.

Programa

Para fomentar o uso do galego entre as crianzas, a Festa do Apego chega cargada de actividades, diversión e tamén de información por parte de diferentes colectivos. O teatro será un dos protagonistas da programación, con dúas propostas ben diferentes. Pola mañá, os nenos e nenas de 0 a 3 anos poderán gozar de O aloumiño dunha estrela, de Avoa Youja, en dúas sesións ás 12:00 e ás 13:00 horas. Trátase dun espectáculo sensorial, para que os máis pequenos e pequenas gocen da poesía das imaxes, co arrolo da música da arpa.

Xa pola tarde, ás 17:00 e ás 18:00 horas, Caramuxo Teatro representará Redondo, un espectáculo pensado para nenos e nenas de 1 a 4 anos que conta a historia de Mr. Round, un personaxe ao que lle fascinan todos os obxectos redondo

En canto aos contos, pola mañá, Raquel Queizás levará á Festa do Apego o seu Nano vai á escola, en dobre sesión ás 12:00 e ás 13:00 horas. Trátase da historia de Nano, unha ra pequena que afronta a aventura do inicio da súa etapa escolar, e faino ademais utilizando a súa lingua propia. Xa pola tarde, haberá dúas propostas distintas: Avós, de Trinke Trinke, ás 17:00 horas; e O Apalpador, de Anxo Moure, ás 18:00 horas.

A Festa do Apego estará tamén cargada de música. A partir das 12:30 horas, Mamá Cabra tomará o Auditorio co seu espectáculo Deveribés, no que fai un percorrido polos grandes éxitos da banda, unha das referencias na música infantil galega. Xa pola tarde, a partir das 19:30 horas, a Banda Municipal de Música de Santiago e a compañía de circo Pistacatro xuntaranse no espectáculo Orquestra de Malabares. Nel, os malabaristas convértense en bailaríns da Banda, e os músicos transfórmanse en actores, baixo a dirección de Casiano Mouriño e de Pablo Reboleiro. O espectáculo está pensado para nenas e nenos de máis de catro anos.