Home Programas Espazo Aberto O feminismo esixe o cesamento inmediato do alcalde machista de Vilanova de Arousa

O feminismo esixe o cesamento inmediato do alcalde machista de Vilanova de Arousa

0
O feminismo esixe o cesamento inmediato do alcalde machista de Vilanova de Arousa

A excepción do Partido Popular o clamor contra as palabras do aínda alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, segue sendo maioritario. Varias organizacións e a Plataforma feminista galega esixen a dimisión ou cesamento deste polémico alcalde por afirmar que a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, era como a “chacha para todo” de Abel Caballero.

Nós Televisión quixo saber a opinión do movemento feminista que se amosa indignado por estas declaracións. É o caso de Paula Ríos, activista da Plataforma Feminista galega, que pensa que non se debe calar diante de actuacións deste tipo, e menos cando veñan de persoas con responsabilidades públicas. Sinala as mobilizacións do 8M como un punto de inflexión que ten que poñer en aviso para que actuacións deste tipo non volten a acontecer.

Desde o feminismo lembran que non é a primeira vez que persoas con cargos públicos cometen este tipo de de desprezos cara a muller sen que teña ningunha consecuencia malia a protesta social na rúa.

Gonzalo Durán podería perder a presidencia da Mancomunidade

O alcalde de Vilanova de Arousa conta co apoio do seu partido e xa afirmou que non pensa dimitir. A súa maioría absoluta no concello permítelle actuar deste xeito mais non acontece o mesmo noutra institución onde agora mesmo é presidente en funcións: a Mancomunidade do Salnés.

Nesta institución podería perder o cargo se os socialistas do Salnés presentan unha moción de censura, segundo sinalan desde a formación Somos Cambados.

Concentración de repulsa

O Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra convocou para este vindeiro mércores unha concentración de condena de todo tipo de comportamentos e ataques machistas ás mulleres, e especialmente do machismo institucional dos cargos públicos

Baixo o lema de “Machismo institucional. Nin un minuto máis”, a concentración xorde en repulsa aos últimos insultos machistas do alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, e para reclamar o cesamento inmediato de calquera comportamento relacionado coas violencias machistas e coas distintas formas de discriminación e violencia que sufrimos as mulleres. A protesta terá lugar este mércores as 20.00 h no encontro da rúa Daniel de la Sota coa rúa Peregrina, na cidade de Pontevedra.