A Deputación de Pontevedra presentou en Lalín o segundo Plan de Acción para dinamizar e promover o nivel de ocupación do Viveiro de Empresas de Lalín. O Plan será máis ambicioso como explicou nas mesmas instalacións o deputado provincial Carlos López Font quen deu a coñecer cales serían as liñas de acción do novo plan acompañado polo tenente alcalde de Lalín, Nicolás González, e a xerenta, Eliana Bouzas.
O Plan, quere impulsar o viveiro, incrementar o nivel de ocupación e deseñar un proxecto de uso sostible con eventos networking, programas de habilidades directivas, formación práctica, sesións participativas e un laboratorio de emprendemento social.
Font explicou polo miúdo as diferentes liñas deste II Plan de Acción para o Viveiro de Lalín que apostan por atraer novo públicos. Entre outras Font anunciou a posta en marcha da primeira edición do “LuscoFuscoNetworking”, con dúas sesións de networking. e o “PorcoLab: laboratorio de emprendemento social” dirixido a alumnado universitario e de ciclos formativos e persoas emprendedoras.
Tamén deu a coñecer o programa “Emprendemento chanzo a chanzo”, que permitirá analizar e deseñar estratexias relativas aos diferentes momentos do proceso emprendedor.
Entre as novidades máis importantes Font deu a coñecer a modificación á baixa dos prezos de aluguer das naves e oficinas dos viveiros de empresas, que o goberno provincial levará ao pleno do próximo luns, e que a Deputación subvencionará o 50% do custe.
O concello satisfeito
En representación do goberno municipal participou na presentación o tenente alcalde de Lalín, Nicolás González, quen agradeu a aposta da Deputación de Pontevedra neste mandato de Carmela Silva polo seu municipio.
González tamén animou á cidadania de Lalín a achegarse ás instalacións do Viveiro e participar das numerosas actividades que hai programadas.