Home Programas Área Compostela “A cidade de Pontevedra amosou que pode haber festas sen violencias machistas”

“A cidade de Pontevedra amosou que pode haber festas sen violencias machistas”

0
“A cidade de Pontevedra amosou que pode haber festas sen violencias machistas”

A Feira Franca de Pontevedra contou cun Punto Morado para evitar as agresións machistas no transcurso das festas. A iniciativa, que xa é coñecida na cidade do Lérez, está impulsada pola concellería de Igualdade que repartiu durante os festexos 2.500 flyers informativos, 1.000 pegatinas, 1.000 pulseiras e 800 dípticos. En canto ao persoal, contou cunha psicóloga/criminóloga, unha psicóloga/axente de igualdade e cinco persoas voluntarias.

O voluntariado do Punto Morado levou a cabo accións de acompañamento a quen o solicitou e saldouse a xornada sen casos de acoso ou agresión sexual detectados. Segundo o Concello a caravana morada tivo “gran acollida entre a cidadanía”, cun goteo constante de persoas de tódalas idades que se achegaban para realizar consultas. A propia concelleira de Igualdade, Paloma Castro, amosouse “sorprendida” ao ver que, nalgúns intres, “había incluso colas de xente agardando para recibir información”. Sostén que “a cidade de Pontevedra amosou que pode haber festas sen violencias machistas”.

A meirande parte das consultas versaban sobre os casos nos que se poden solicitar os acompañamentos a mulleres, a lexislación actual en materia de violencia de xénero, o acoso telefónico ou cibernético, as diferenzas entre agresión e abuso, o tipo de condutas consideradas acoso e os teléfonos de atención existentes. Segundo sinala a coordinadora da iniciativa, Mónica Novas, a boa acollida da caravana morada reflectiuse, unha vez máis, en “nais, pais e, sobre todo, xente moza, que se achegaron para agradecer a existencia deste punto de seguridade para as mulleres”. A idade das persoas que realizaron as consultas situouse entre os 14 e os 60 anos.