A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) denuncia o deterioración do hórreo de Carnota, declarado monumento nacional, e que dende hai máis de tres anos presenta despremendementos de tellado sendo máis acusado nos últimos días. O presidente de Apatrigal, Carlos H. Fernández Coto, denuncia que este non é o único caso de descoido e vincula o desleixo co patrimonio coa perda de autoestima e identidade do pobo galego.
Que importancia ten o hórreo de Carnota dentro do patrimonio galego?
Dentro do patrimonio cultural galego, os hórreos -cuxo nome varía por zonas, porque tamén se chaman cabazos, cabaceiros, graneiras, piornos, etc- son unha referencia fundamental da nosa orixe rural e labrega. Un hórreo cheo de millo foi símbolo de riqueza. Aínda habendo construcións similares en toda a cornixa cantábrica, León, Navarra ou Portugal, tamén en Turquía ou Rumanía, ata aproximadamente 70.000 unidades no mundo, en Galicia temos case a metade (30.000) e son un elemento de orgullo do pobo galego e un atractivo para os que nos visitan. Os máis grandes sempre estiveron en predios eclesiásticos ou da nobreza -pazos- porque almacenaban unha porcentaxe da colleita de todos os veciños, que baixo o nome de ‘foros’ achegaban á Igrexa ou ao señor feudal que controlaba o territorio.
Dentro dos 45 hórreos máis longos do mundo, que estamos catalogando un equipo dirixido por min, tanto en Galicia como fóra, os catro máis grandes están en Galicia. O primeiro é o do Araño (Rianxo), o segundo o de Lira (Carnota), o cuarto é o do Mosteiro de Poio, e o terceiro é o de Carnota, do que falamos. Logo veñen dous portugueses e hai algúns asturianos. Con seres o terceiro do país, é o máis famoso dos catro, probablemente pola repercusión que se lle deu como que era o maior. Sempre que nos desprazamos, tanto por Galicia como fóra, sempre nos falan do Hórreo de Carnota, o máis grande. Non é o máis grande, pero está entre os máis grandes, pero non é máis importante que o de Cambeda (Vimianzo) ou o de Valdoviño. Todos son importantes e temos a obriga como pobo de mantelos todos en boas condicións. Con todo, agás un en Boimorto, outro en Sanxenxo, o de Vimianzo e este de Carnota, o resto dos hórreos están en condicións dignas, coas súas pequenas doenzas.
“Non comprendo como se pode promocionar en malas condicións, cando xuntando os cartos gastados na promoción turística xa o teriamos arrombado”
O hórreo de Carnota leva máis de tres anos nun proceso de deterioración, máis acusado nos últimos días. A que se debe?
Nos últimos días, Carnota saltou aos medios de comunicación grazas a unha foto aérea que publicamos nas nosas redes sociais, pero a cabaceira -así chaman na zona aos hórreos- leva varios anos en mal estado. O día 5 de xaneiro de 2017 escribín eu un artigo de opinión no xornal La Voz de Galicia titulado “Perlas sen ostra” no que amosaba a miña incredulidade perante un hórreo que viña sendo anunciado nos circuítos turísticos da Xunta e do Concello de Carnota, e que tiña o tellado caído. Non comprendía -nin comprendo- como se pode promocionar turísticamente algo que está en malas condicións, cando xuntando os cartos gastados na promoción turística xa o teriamos arrombado.
Dende o 2017 ata agora pasaron máis de dous anos nos que intúo que non se fixo reparación ningunha, polo que a súa conservación cada vez vai levar aparellado un orzamento maior, e como en moitas restauracións, a perda dos elementos auténticos que serán substituídos por outros parecidos, perdendo a autenticidade. Falo das madeiras e da tella. Se un inmoble non ten labores de conservación e mantemento, acábase arruinando.
“Dá a impresión de que hai que aprobar menos leis e aplicar o sentidiño”
A propiedade é eclesiástica, pero o Arcebispado non acometeu ningunha obra de mellora. Tampouco a Xunta, malia que trascendeu que conta cunha dotación económica, nin o Concello que informou que está iniciando contactos con estas dúas entidades. Acaso non existe unha preocupación polo patrimonio galego?
Ás veces, dá a impresión de que hai que aprobar menos leis e aplicar o sentidiño, porque todo está regulado pero nada se cumpre. A constitución estableceu, por primeira vez, a función social da propiedade, e as posteriores leis promulgadas pola Xunta (Lei do solo, Regulamento, Lei de rehabilitación) deixan claro que “os propietarios de bens teñen a obriga de mantelos en boas condicións de seguridade, salubridade e ornato público” e engade que os concellos teñen a obriga de facer cumprilo ou actuar subsidiariamente, incluso con fortes sancións ou expropiación forzosa, incluso se fixa o prezo -50% do valor catastral do ben-. Podo entender que un concello pequeno como Carnota non teña medios humanos e económicos para atallar esta situación, pero pode pedir auxilio á Xunta, e esta debe prestarllo. É obriga das administracións facer cumprir os preceptos que se aproban no parlamento, pero na realidade, á parte da vertixinosa burocracia, da desidia colectiva e da seguridade xurídica que defende case ao infractor ata o derradeiro suspiro, non se move ficha.
“Non hai interese polo patrimonio cultural e pola legalidade”
Afortunadamente, cando unha entidade independente coma nós fai saltar as alarmas dá a impresión de que espertan dun soño no que están sumidas as administracións. Moitas veces, acuden a nós dicíndonos que nos concellos saben da situación -incluso ilegalidades manifestas- pero non van mover un papel namentres non haxa unha denuncia. Así non avanzamos, deberían estar máis concienciados os alcaldes e os funcionarios de que están onde están para defender a lei, cumprila e facer cumprila, e non para fichar de oito a tres ou asfaltar camiños un mes antes das eleccións. Non hai, por parte dos que rexen o noso camiño, interese -agás contadas excepcións que todos coñecemos- polo patrimonio cultural e pola legalidade.
Que consecuencias ten esta deterioración do hórreo de Carnota?
Toda construción, sexa antiga ou moderna, precisa de labores de conservación e mantemento. Cando estas non se levan a cabo, a deterioración increméntase, polo que cando hai unha filtración débese atallar antes que a auga chegue á madeira e a outros materiais. Antigamente existía o retellador, que viña ás casas cada ano a repasar tella por tella. Carnota non é distinto, e de feito, se se houberan tomado medidas hai tempo hoxe non estariamos perante unha reparación tan custosa.
Dado o carácter do hórreo de Carnota, dentro da imaxe global que se tén de Galicia, a súa decadencia representa tamén a decadencia do pobo galego. Pero Carnotas hai moitas, por desgraza, temos 39 bens culturais na ‘Lista roja del patrimonio español’ de Hispania Nostra, pero hai moito máis patrimonio esquecido e deixado da man do home.
É común atoparse con este maltrato ao patrimonio galego?
Galicia lidera o conxunto do patrimonio da península ibérica, probablemente porque vimos do primeiro reinado tralo imperio romano e porque dende sempre fomos un pobo diseminado, disperso e tendo o 52% das entidades de poboación do estado español -máis da metade-, tamén temos máis da metade das igrexas, capelas, etc, sen contar con elementos exclusivos como os cruceiros. Porén, a nosa economía e o desenvolvemento actual non está a altura das circunstancias e cústanos mantelo en boas condicións, sobre todo coa desertización rural. Tampouco estamos preparados para facelo, porque falla a educación: non hai máis que ver pobos similares a nós como Breizh (Bretagne) e comparar. Eles levan 63 anos formando artesáns e construtores para manter o patrimonio cultural, a arquitectura tradicional, e nos plans de formación escolar está moi presente o seu legado, polo que coñéceno a fondo e ámano porque foron educados para amalo, respectalo e coidalo.
“En Galicia temos un modo irrespectuoso co noso, con todo o noso, que minusvalora os alicerces dun país que chegou a ser un reino”
Pola contra, en Galicia temos un modelo irrespectuoso co noso, con todo o noso, que minusvalora os alicerces dun país que chegou a ser un reino, que moitos negan, con vagas de emigración que levaron aos mellores fóra do país, e que na comparanza teñen unha imaxe da nosa arquitectura tradicional como algo ligado á pobreza, ao atraso. Vemos, pois, que Galicia tamén lidera o ránquin de maltrato da paisaxe, do patrimonio, da lingua. Camiñamos apartándonos do que nos fai pobo.
Atoparse elementos importantes da nosa historia e cultura, coma este, ruinosos, inflúe na nosa autoestima como pobo?
Hai unha teoría científica que funciona, chámase a “teoría das xanelas rotas” que de modo resumido dínos que unha contorna coidada conleva un menor maltrato, e funciona dende as pintadas nas fachadas ata o coidado do patrimonio. Cando quen tén que turrar do carro -os alcaldes- obriga aos cidadáns a coidar a contorna, deixa de haber abandono, pintadas e patrimonios esborrallados. Esa teoría poderíase enlazar coa autoestima da xente do lugar, porque ese orgullo fai que se coiden máis as cousas.
“Gástanse máis cartos en inútiles actuacións en verbenas que en patrimonio”
Un patrimonio abandonado ou en mal estado, ademais de facernos perder a identidade como pobo, que está ligada co orgullo e coa autoestima, fai que un pobo sexa desleixado, e mire por outros obxectivos distintos. Actualmente, en Galicia, gástanse máis cartos en inútiles actuacións en verbenas que en patrimonio, e esa situación vai minando na educación dos máis mozos, de xeito que desestiman a relevancia do noso legado, é como algo secundario que non é importante, e iso fortalece a perda do sentimento de apego, de amor, e o que non se ama acaba maltratándose.
Claro que o desleixo co noso patrimonio favorece a perda da autoestima como pobo galego, e non hai máis que ver outros pobos como o vasco, o catalán, o asturiano ou o andaluz que valorizan máis o seu, fronte ao modelo de globalización que seguimos en Galicia. Non hai máis que investigar un pouco a relación que teñen os pobos coa súa lingua -eixo vertebrador do patrimonio cultural-, e preguntámonos, por que os galegos non falamos galego, por que fomos intercalando palabras casteláns á nosa fala destruíndo a lingua? Acaso vemos aos portugueses ou franceses falar a súa lingua meténdolle palabras en castelán ou en alemán? Un pobo que perde a súa autoestima é un pobo condenado á desaparición como grupo identitario, adoptando a identidade de outros.
Así se ve dende o aire o #HórreodeCarnota, terceiro máis longo de Galicia (e do mundo) @vozbarbanza @vozcultura @ConcelloCarnota @pgsarria @NosDiario pic.twitter.com/tpTuzwfdEa
— AsocPatrimonioGalego (@apatrigal) 2 de septiembre de 2019
Que demandades dende Apatrigal?
A nosa acta fundacional indica que o fin primordial da asociación é “a defensa, concienciación, difusión, valorización e investigación do patrimonio cultural galego, axudando a transmitilo nas mellores condicións ás xeracións futuras”, polo que tratamos de estar alí onde detectemos que o patrimonio cultural non está sendo tratado como merece, ben para concienciar á cidadanía ou aos seus representantes, ben para dar alerta pública e que se difunda nos medios de comunicación, ben para chamarlle a atención aos responsables de custodialo e conservalo. O noso eido de actuación é amplo, comprendendo a arquitectura, a etnografía, o urbanismo, a lingua, e calquera parcela que consideremos como parte do patrimonio cultural galego.
Esta semana tocoulle ao hórreo de Carnota, á ponte dende Iria Flavia ata Pontecesures e ás casas do século XIII da Rúa Nova de Compostela -tres patrimonios ben distintos-, pero conseguimos paralizar a demolición do Teatro Zárate de Mugardos, estivemos na deterioración do Museo Valle-Inclán na Pobra do Caramiñal e conseguimos paralizar a corta das árbores da avenida de Celanova, en Xinzo de Limia.
Con todo, moi satisfeitos e moi apoiados polos medios de comunicación, aínda que non conseguimos salvar as árbores da Gran Vía de Vigo nin nos fixo caso o alcalde de Monforte -hoxe presidente da Deputación- perante as sinaturas que lle presentamos para tomar medidas para evitar a caída xeralizada de casas do centro histórico da cidade. Tanto os 11 asociados fundadores como moitos dos que se incorporaron posteriormente somos, en gran parte, técnicos expertos en distintos eidos do patrimonio (arqueólogo, arquitecto, antropólogo, xeógrafo, notario, escritor, xestor cultural, etc) polo que sempre ofrecemos a posibilidade de asesoramento de balde aos cidadáns e mandatarios.