Home Programas Espazo Aberto SOS Sanidade Pública, o SLG e Agamfec opóñense ao peche de centros médicos rurais

SOS Sanidade Pública, o SLG e Agamfec opóñense ao peche de centros médicos rurais

0
SOS Sanidade Pública, o SLG e Agamfec opóñense ao peche de centros médicos rurais

O Sindicato Labrego Galego, SOS Sanidade Pública e sociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) rexeitan o peche de centros médicos rurais para concentrar a atención primaria nos puntos de atención continuada (PAC) dentro da estratexia para facerlle fronte na Galiza á urxencia sanitaria provocada pola COVID-19.

Neste sentido, Agamfec aconsella que as pacientes sexan avaliadas por persoal de atención primaria para discriminar quen pode seguir recibindo seguimento médico no seu domicilio dende os seus centros de saúde e quen ten que ser derivado a hospitais.  “A organización do noso sistema sanitario cunha atención primaria poderosa é, probablemente, o mellor deseño para dar resposta a esta pandemia. Os hospitais non só precisan máis recursos, senón que acadan a súa máxima eficiencia cando unicamente chegan aqueles pacientes que os precisan. Por este motivo, faise imprescindible que previamente teñan sido avaliados polos profesionais de atención primaria e atención continuada”, sosteñen.

Pola súa banda, SOS Sanidade Pública abonda no mesmo ao considerar necesario “manter modelo de Equipos de Atención Primaria que garanta unha atención continuada próxima e accesible a todas as persoas, contemplar as dificultades e os perigos dos desprazamentos nestes momentos e que as medidas sexan totalmente reversibles”.

Por todo o devandito, dende o SLG piden que se reforce a atención primaria pola súa proximidade e coñecemento profundo das zonas rurais nas que traballa e para facilitar a asistencia ás persoas que lle resulte dificultoso acudir aos puntos de atención continuada da súa comarca.