Home Programas Espazo Aberto A loita polos xulgados de violencia machista e a despatriarcalización da xustiza

A loita polos xulgados de violencia machista e a despatriarcalización da xustiza

0
A loita polos xulgados de violencia machista e a despatriarcalización da xustiza

Na actualidade, Galicia conta con só dous xulgados específicos de violencia sobre a muller, un en Vigo e outro na Coruña. A lexislación galega e o Pacto de Estado na materia inclúen medidas para aumentar a especialización e en cidades como Lugo, abriuse o debate da comarcalización. Con todo, o TSXG desbotou a opción por non chegar ao número de casos necesarios para crear un xulgado específico.

Maite Ferreiro é concelleira en Lugo e leva anos reivindicando esa necesidade, que cre, vai máis alá do ratio: “Nestes casos non hai porque xustificar o ratio. É un servicio público que as mulleres demandamos e que as vítimas de violencia de xénero merecen.

Outro dos déficits actuais é a falta de formación dos e das profesionais. Julia Álvarez, da cooperativa xurídica Artigo 14, ten claro que o tratamento destes casos require “de respecto, sensibilidade, evitar a vitimización secundaria e unha formación axeitada

Ademais, a vítima precisa dun entorno agradable e axeitado onde non pasen cousas tan prexudiciais como que vítima e agresor coincidan nun mesmo espazo. Para a vítima “é demoledor, é un disparador que desata uns medos que a vítima xa pode ter superados e volve atrás na súa recuperación psicolóxica. Ese lugar debería ser un sitio onde sentirnos protexidas“, explica Concepción Rodríguez, terapeuta do Programa de Atención Psicolóxica a Mulleres do Colexio de Psicoloxía de Galicia.

E agora, que?

O acordo BNG-PSOE para a formación do goberno no Estado recollía “ampliar o número de xulgados de violencia de xénero na Galiza” con tres novos xulgados en Santiago de Compostela, Lugo e Ourense. Con todo, non está claro que vaia ser así. Maite Ferreiro, concelleira polo BNG en Lugo, explica que “as medidas do novo goberno non inclúen iso”, pero seguirán pedíndoo e esixindo “un espazo que as mulleres demandan”. Tamén demanda “formación obrigatoria” para as profesionais, algo no que tamén incide a avogada Julia Álvarez.

Para Ferreiro, a lexislación galega (a Lei Integral da Violencia de Xénero) vai “moi por diante” da estatal, pero lembra que “a Xunta tería que aplicala e poñer en marcha as medidas que a lei recolle.”