Sara Outeiral: “Nas institucións non podemos ter maltratadores que decidan sobre a cidadanía”

A activista, supervivente de violencia machista, comparte a súa experiencia a través dun vídeo enviado a Nós Televisión para avanzar entre todas na loita contra as agresións

‘A forza das silenciadas’ é o título do artigo coa que Sara Outeiral rachou o silencio e expuxo publicamente a súa experiencia na supervivencia da violencia machista. O artigo, que se pode ler no número 50 da revista Terra de Outes ou en Nueva Revolución, espertou as críticas por parte do acusado e do partido ao que pertence. Ante isto, o movemento feminista de Vigo saíu en defensa de Outeiral chamando nun comunicado a “repensar as agresións machistas que se sofren en diferentes organizacións da esquerda” e agardan que “que se inicie un debate aberto e sincero nas organizacións da esquerda co obxectivo de adoptar novas formas e estratexias que teñan como obxectivo facer que estas sexan realmente espazos libres de violencia machista”.

Para afondar nas carencias aínda persistentes á hora de abordar a violencia machista, e as necesidades das superviventes, enviámoslle a Sara Outeiral unha serie de pregunta que respostou nun vídeo que reproducimos ao final desta peza.

“Decidín abrirme porque hai que falar de violencia machista, de maltrato de como a sociedade non sabe xestionar estes casos”, sostén Outeiral que recomenda un bo asesoramento legal e a creación de caixas de resistencia feministas.

Sara Outeiral lembra que a violencia machista afecta a todas as mulleres e que, no caso das activistas feministas, aparece unha culpa adherida por non terse dado conta do perfil do maltratador. “A culpa fai que che custe moitísimo xestionalo, exteriorizalo e dicir: fun vítima de violencia machista”.

A activista apunta cara o seu maltratador que ocupa un posto de concelleiro. “Non podemos ter maltratadores nas institucións” e para iso cómpre, como un de moitos pasos, afondar na formación en violencia de xénero. Sara Outeiral tamén agradece a existencia das redes feministas que impulsan, acompañan e protexen ás mulleres que se enfrontan aos seus agresores.

VÍDEO ENTEIRO ENVIADO POR SARA OUTEIRAL