Home Espazo Aberto Medio ambiente Advirten dos pasivos ambientais que deixaría ALCOA en San Cibrao

Advirten dos pasivos ambientais que deixaría ALCOA en San Cibrao

1
Advirten dos pasivos ambientais que deixaría ALCOA en San Cibrao

Ante a posible marcha da americana ALCOA en Galicia, a Sociedade Galega de Historia Natural quere que, de producirse, sexa garantindo a seguridade dos pasivos ambientais que deixe. Isto é: estabilizar a balsa de lodos vermellos e descontaminar as instalacións. Aclara Serafín González, presidente da SGHN, que a Xunta debe garantir tamén que quen pague esa descontaminación sexa ALCOA, e non o contribuínte.

A SGHN esixe ademais, unha copia dos informes técnicos da balsa nos últimos anos e unha auditoría externa que sexa encargada ao Instituto Xeolóxico e Mineiro. Lembra a SGHN que segundo o antigo director da planta, a vida útil da balsa remataría en 2025.

Afectacións de ALCOA

A balsa de lodos vermellos está a carón dunha aldea habitada e a escasos metros do mar e dunha planta de acuicultura. Aínda que a empresa negue calquera risco de ruptura, xa se teñen producido desbordamentos, especialmente en época de choivas. Advírteo tamén a SGHN: “podería afectar a núcleos habitados, explotacións acuícolas e a todo o ecosistema mariño”.

Cómpre lembrar, que ata 2012 non se fixo un plan de emerxencia exterior ante unha posible ruptura. Foi despois de 30 anos sen ningún plan e a raíz da catástrofe da balsa de lodos de Ajka, en Hungría, onde quedaron afectadas centos de hectáreas, morreron varias persoas e houbo 120 feridos. A balsa húngara tiña menos residuos que a de San Cibrao, pero a súa densidade era menor e polo tanto, a de Ajka era máis perigosa.

Ademais dos riscos desta balsa de lodos e do inxente custo enerxético da fábrica, a SGHN tamén sinala ás emisións de fluor, polas que a empresa ALCOA xa foi condenada en repetidas ocasións a indemnizar aos veciños da zona, xa desde 1981 e ata 2016. Os efectos son negativos para os cultivos, que reducen drasticamente a súa productividade, e para as árbores. Malia ser condenada a empresa a indemnizar a máis dun cento de veciños, ALCOA sempre negou que o fluor saíse da fábrica, máis emitirse fluor no proceso de produción de aluminio.