Home Programas Espazo Aberto ‘Queremos galego na TV!’. A Mesa pídelle á Xunta que subvencione o lexendado e a dobraxe en galego nas plataformas dixitais

‘Queremos galego na TV!’. A Mesa pídelle á Xunta que subvencione o lexendado e a dobraxe en galego nas plataformas dixitais

0
‘Queremos galego na TV!’. A Mesa pídelle á Xunta que subvencione o lexendado e a dobraxe en galego nas plataformas dixitais

A Mesa pola Normalización Lingüística lanzou este xoves un comunicado para esixirlle á Xunta diversas actuación que garantan a presenza da lingua galega nos filmes e series que ofertan as plataformas dixitais. En concreto, refírense a Movistar+ que xa conta con lexendado e dobraxe en vasco e catalán logo de que os seus respectivos gobernos investisen 61.555,37 € ao ano nun acordo a 3 anos por un total 184.666,13 €. Ademais o acordo permite que, após un ano de exclusividade de emisión de Movistar+, estes contidos poidan ser xestionados polos gobernos catalán e vasco.

En 2018 Movistar+ manifestou nunha resposta á Mesa pola Normalización Lingüística a súa vontade de incorporar o galego. Porén, “non hai polo de agora nada que indique que o vaian facer mentres o goberno galego non se implique para dispormos de dobraxe e lexendado en galego nas plataformas de televisión dixital”, sosteñen. Por esta razón, dende a Mesa reclaman: un acordo da Xunta con Movistar+ para o lexendado dos filmes e series, acordos da Xunta coas principais plataformas dixitais para a incoporación de lexendado en galego e da dobraxe dos filmes e series dos que xa dispón a CRTVG e unha dotación orzamentaria que permita cumprir eficazmente co estabelecido no artigo 20.1 da LNL.