Home Programas Espazo Aberto Ricardo Antunes: “Os sindicatos teñen o desafío de repensar un novo modelo de vida”

Ricardo Antunes: “Os sindicatos teñen o desafío de repensar un novo modelo de vida”

0
Ricardo Antunes: “Os sindicatos teñen o desafío de repensar un novo modelo de vida”

Quen é a clase traballadora?“. Nun mundo afogado polo sistema capitalista e o patriarcado, en constante ebulición e derretemento, a achega de análises arredor da clase traballadora non é algo doado. O sociólogo e profesor brasileiro, Ricardo Antunes, converteuse nun dos referentes á hora de tirar reflexións sobre a clase traballadora para encamiñar a loita obreira, social e política.

Os sindicatos pasaron de reunir no século XIX ao colectivo de artesáns a xuntar ás traballadoras e traballadores da industria. Agora, as centrais atopan un novo proletariado do sector servizos que se expande “illado, fragmentado e individualizado” no marco dunha era dixital onde os avances tecnolóxicos foron “decisivos”. Os servizos pasan a xerar lucro a medida en que estamos perdendo a batalla polo público. Estes son os exemplos de multinacionais como Uber, das grandes empresas sanitarias, de Amazon ou das escolas privadas. A isto súmaselle unha “explotación intensificada” das mulleres e dos colectivos que estruturalmente se atopan en posicións de opresión como as negras ou as indíxenas.

Como loitamos ante o sistema depredador?

“O capitalismo é inconcertable”, sostén Antunes ao mesmo tempo que explica o empeoramento do mundo do traballo. Á hora de artellar a loita, “o capital non se divide”. Pola contra, si o está a facer a clase traballadora que recorre aos partidos políticos, sindicatos e movementos sociais de xeito independente. “Os sindicatos deben facer loita social, sindical e política”, advirte. “Un sindicato de clase debe dicir que clase de sociedade quere” e nese camiño Antunes ve fundamental ofrecer modelos alternativos de vida. “Os sindicatos teñen o desafío de repensar un novo modo de vida” e xunto eles os partidos, os movementos sociais e a intelectualidade crítica.

Neste camiño, Ricardo Antunes alerta de que “a esquerda europea ten sido pouco de esquerdas” e que debe comprender a transversalidade das loitas e non abandonar as bases populares. “Por que as eleccións deben ser máis importantes que as cuestións vitais? Non”. Antunes sostén que os Parlamentos non mudan países senón que os cambios veñen dos movementos e forzas populares. Sen esas bases sociais, non se pode centrar a forza no xogo electoral. Nas súas respostas ante a cámara de Nós Televisión, o profesor mostra unha porta: “É nos momentos de traxedia social que a sociedade se reinventa”. Agora, abrila é tarefa de todas.

Ricardo Antunes

Nado en São Paulo en 1953, é un sociólogo marxista fundador do Partido Socialismo e Liberdade e profesor titular na Universidade Estadual de Campinas, na UNICAMP. Trátase dun dos maiores coñecedoras da obra marxiana en América Latina e entre as súas últimas obras publicadas atopamos: ‘O privilégio da servidão. O Novo Proletariado de Serviços na Era Digital’ (2018), ‘Os Sentidos do Trabalho‘ (2015) e ‘Adeus ao Trabalho? Ensaio sobre as metamorfoses e a centralidade do mundo do trabalho’ (2015).