Home Programas Área Compostela O proxecto ‘SOLA’ reivindica Compostela como capital do emprendemento

O proxecto ‘SOLA’ reivindica Compostela como capital do emprendemento

0
O proxecto ‘SOLA’ reivindica Compostela como capital do emprendemento

Compostela sitúase á vangarda da innovación empresarial. O proxecto ‘SOLA’ —Spin-Off Lean Aceleration— desenvolveu este mércores na cidade a súa derradeira sesión, que pon o broche final a dous anos de traballo para fortalecer as capacidades das universidades na aceleración e consolidación de empresas innovadoras. Este plan de colaboración entre oito universidades de España, Italia, Portugal, Brasil e Colombia, xurdiu hai dous anos baixo o liderado da USC, co obxectivo de mellorar os coñecementos do persoal formativo das universidades acerca do crecemento e consolidación de empresas innovadoras.

Destas xornadas sobre emprendemento empresarial resultan unha serie de ferramentas innovadoras sustentadas sobre catro eidos: a propiedade industrial e intelectual, o modelo Lean Canvas, as finanzas para emprendedores e a internacionalización. O Concello de Santiago reitera o seu apoio a esta iniciativa —financiada polo programa Erasmus + da Unión Europea— e a outros proxectos “importantes para Compostela” que poderán desenvolverse no ano 2018 grazas á captación de fondos europeos.

Polo de agora, durante os tres días que durará a xornada formativa sobre emprendemento empresarial, persoal das universidades participantes e emprendedoras e emprendedores vencellados a elas participarán en obradoiros que levarán á práctica as conclusións extraídas do proxecto.