O estudantado do CEIP Monte dos Postes non pode utilizar o seu pavillón dende o pasado mes de novembro, por mor das obras de reparación da cuberta que, malia a estimación inicial de dous meses de duración, aínda non remataron. Esta demora nos prazos previstos causou certa indignación entre o profesorado e a ANPA do colexio, que manifestou o seu malestar nas últimas datas. Noa Morales, concelleira de Deporte, asegura que a obra está xa rematada e só falta “tramitar” a súa “recepción final”.
Unha reforma “moi necesaria”
A demora nesta obra, segundo indican dende Raxoi, debeuse a problemas de subministro de material. O concelleiro responsable da área de Obras, Rafa Peña, desculpouse pola tardanza e garantiu que todo este proceso compensarase “con creces” unha vez sexan estreadas as novas instalacións, xa que a reforma da cuberta era “moi necesaria”.
Con todo, o Goberno local coida que o pavillón poida abrir as súas portas ao longo da vindeira semana. Asemade, Peña lembrou que este arranxo chega “seis anos tarde” e que a corporación municipal debera ter actuado “moito antes”.