Home Programas Área Compostela “Paso a paso e canción a canción faremos a nosa língua máis viva”

“Paso a paso e canción a canción faremos a nosa língua máis viva”

0
“Paso a paso e canción a canción faremos a nosa língua máis viva”
Paco Nogueiras IC

Cunha longa traxectoria nos escenarios conseguiu crear co seu traballo “Brinca Vai!” primeiro e este ano con “Radio Bulebule” todo un proxecto que conxuga o amor pola terra e as súas tradicións co aspecto lúdico que agarda o seu público.

Que segredo ten Paco Nogueiras para conectar tan ben coas nenas e nenos deste país?

Imaxino que é unha pregunta que debería responder a xente miúda. Non hai segredos, pretendo facer o meu traballo dende a sinceridade, sen artificios. Eu son así, exprésome así e síntome así. Penso que eles se sinten identificados co meu estado de ánimo, co meu xeito de ver a vida e de sentir a música. Eu aliméntome deles e eles de mín.
En moitos casos venme máis coma un amigo, un compañeiro de xogos co que cantar e bailar. E iso é fantástico.

De Brinca Vai! a Radio Bulebule, non paraches de vender Libro-CD’s e realizar concertos. A música “infantil”, recoñezo que non gosto moito deste termo, en Galiza segue a ter o galego como lingua prioritaria e unha aceptación maioritaria. Como explicas desde a túa experiencia diaria con pais/nais e fillos/as unhas enquisas de uso do noso idioma tan negativas?

É un tema controvertido. Hai unha porcentaxe de público que vive a súa vida en galego. Mais atopo centos e centos de familias, pais , nais, nenas e nenos que desfrutan coa música en galego, cos espectáculos en galego mais non usan a nosa lingua no día a día. Existen factores importantes para que iso suceda: ausencia de tecnoloxía en galego, dobraxes das películas na nosa lingua, os medios de comunicación e ocio, falta de referentes de renome e sobre todo a carencia de suficientes axudas e medidas dende as administracións para revertir a perda de falantes que se está a producir.
O galego está a desaparecer do lugar máis importante, as familias, na casa.
Dende o humor, o desenfado, a diversión e a música pretendo que grandes e pequenos canten e bailen xuntos e sintan o galego como fío de expresión diario. Paso a paso e canción a canción faremos a nosa língua máis viva.

O galego está a desaparecer do lugar máis importante, as familias, na casa

Fálase da “Xeración Xabarín”, atreveríaste a poñer nome á xeración actual?

Non son de poñer nomes e etiquetas, nunca me gustaron.
En todo caso diría, a “Xeración Sobreinformada”, a saturación e sobreinformación á que sometemos á xente miúda hoxe en día é abraiante. Moitas veces non deixamos que os nenos sexan nenos, iso é un erro moi grave.
Non o digo a xeito de crítica, senón de reflexión en voz alta. Só falo do que vexo no meu día a día.

Moitas veces non deixamos que os nenos sexan nenos, iso é un erro moi grave

Nestas datas acostúmase a facer unha reflexión, a modo de resumo, de como foi o ano e unha listaxe de desexos para o ano que entra. Como definirías o teu 2018 e que agardas do 2019?

O meu ano 2018 foi un ano espectacular, moito traballo, moitas actuacións, proxecto novo e moi boas críticas ao respecto. Bulindo polo país e facendo o que máis me gusta, cantar e tocar. Pódese dicir que mellor imposible, estou encantado.
Para o 2019 agardo seguir viaxando coa miña música por todos os recunchos posibles, ao mesmo tempo de comezar a preparar un novo traballo. Un novo ano é a oportunidade de iniciar unha viaxe marabillosa que está chea de incognitas e que se irán despexando pouco a pouco. Espero que sexa definitivamente, emocionante.