Os Álbums de Guerra de Castelao voltan ás librarías da man de Galaxia

As tres obras publicadas durante a Guerra Civil reedítanse en edición facsimilar a partir das láminas orixinais

Álbums de guerra de Castelao

Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos, os tres álbums de guerra realizados por Castelao e publicados entre 1937 e 1938, volven a reeditarse da man da Editorial Galaxia mais, desta vez, nunha coidada edición facsimilar realizada a partir das láminas orixinais.

“Hai dous anos cando cheguei á dirección xeral de Galaxia marqueime como obxectivo reatualizar a obra de Castelao”, explica Francisco Castro a Nós Televisión, “e no caso dos álbums de guerra non queríamos partir de copias”. Por este motivo a editorial contou coa colaboración do Museo de Pontevedra, lugar onde se atopan os orixinais.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

Crónica dunha barbarie

Os álbums de guerra son a crónica dunha barbarie silenciada daquela e con dificultade para ser explicada hoxe. Realizados en apoio ao goberno republicano, relatan graficamente unha situación que non contaba con moita testemuñas de cara o exterior do que estaba acontecendo en Galiza eses anos.

Galaxia publicará os tres álbums por separado e mantendo as características orixinais dos seus formatos para achegarse o máximo ás edicións revisadas por Castelao. Desde a propia editorial confirman que aínda queda moito por facer coa obra do ilustre rianxeiro. “Para o ano haberá algunha sorpresa máis”, sinala o director xeral de Galaxia.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -