O Partido Popular rexeita a meirande parte das emendas dos grupos da oposición ao Proxecto de Lei dos orzamentos de 2018

A Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia aprobou o texto articulado do Proxecto de Lei para os orzamentos de 2018 co voto en contra de BNG, En Marea e PSdeG. Os vogais das diferentes formacións políticas expuxeron as súas emendas ao texto, pero só contaron coa aprobación do Partido Popular catro propostas dos socialistas de entre as máis de cen que promoveron os grupos da oposición. O voceiro do PSdeG e presidente da comisión, Abel Losada, esixiu ó goberno da Xunta un incremento do investimento público e maior transparencia nas institucións.

En Marea e BNG, na mesma liña

O vogal da coalición de esquerdas, José Manuel Lago, propuxo un cambio de estratexia na política fiscal que permita acadar un maior equilibrio económico. Pola súa banda, a deputada nacionalista Noa Presas sinalou a diminución da capacidade salarial como unha das principais problemáticas que debe combater a Xunta de Galicia.

O vogal do Partido Popular, Pedro Puy, fixo fronte ás críticas dos grupos da oposición asegurando que as emendas propostas na Comisión serían incompatíbeis co texto articulado e “dificultarían a xestión da Xunta”.

- Publicidade -