“Será un modelo a seguir en Europa”. Así de contundente foi a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, á hora de explicarlle á veciñanza a configuración do futuro ‘barrio multiecolóxico’ que se construirá na Garaballa. O deseño das bases da planificación do barrio corre a cargo dunha empresa que sostén que se poderán manter o 92% dos 268 inmobles existentes. Detectáronse 22 con alto impacto ambiental, dos que catro son vivendas fóra de ordenación, abandonadas e deshabitadas, e 18 son elementos auxiliares e que están construídos na súa maior parte con fibrocemento, material altamente contaminante, chapa, plásticos ou restos de obra.
A rexedora estivo acompañada na xuntanza polo edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, e representantes da UTE. “Este será un proxecto colaborativo, polo que queremos abrir un canal de contacto convosco para que poidades consultar dúbidas e presentar suxestións”, apuntou Méndez. Durante a xuntanza, explicáronse algunhas das solucións que se prevén desenvolver e que van dende a recollida de auga de choiva para a súa reutilización, por exemplo no rego das zonas verdes, ata a implantación dun sistema propio de compostaxe da fracción orgánica do lixo.