Home Programas Área Compostela O “Feito a man” homenaxea a Narf

O “Feito a man” homenaxea a Narf

0
O “Feito a man” homenaxea a Narf
Cartel do evento

O veterano  festival de verán “Feito a man” presentouse esta mañá en Compostela da man de representantes da súa organización, a asociación Cidade Vella, e das institucións colaboradoras, a Deputación da Coruña e o concello de Santiago.

Logo dun petisco musical, a cargo de Espiño, Manu Rodríguez, membro da organización, explicou as orixes do festival, os problemas que tivo nos últimos anos e lembrou a figura do músico Fran Pérez “Narf” que estará moi presente nesta edición.

Case 80 concertos

Este ano haberá setenta e oito concertos e outras tantas bandas e artistas que volverán encher as rúas e prazas da Cidade Vella compostelá. Dos espazos e lugares en que terán lugar os concertos falou por parte da organización Ánxeles Porto.

Desde a organización recoñecen que este ano recibiron centos de propostas musicais

As propostas artísticas son, como noutras edicións, de diferentes estilos musicais que van do pop ao rock pasando polo blues ou a música tradicional galega. A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, explicou que este festival está dedicado ao turismo mais tamén para a xente da cidade.

As novidades

Alén da programación, o festival este ano estrea viño propio, un ribeiro con uva treixadura que leva o nome do festival. E tamén unha aplicación tanto para móbiles Android como iOS, que se pode descargar de forma gratuíta. No acto de presentación o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, descubriu a cara agradecida da institución para con este tipo de eventos.

A proposta musical

As actuacións terán lugar nas rúas Vía Sacra, a rúa da Orfas, a praza de Feixóo, Tras San Fiz de Solovio ou rúa Xelmírez, e haberá concertos nas prazas de Mazarelos, San Martiño Pinario, Cervantes ou Quintana. Esta última praza acollerá dous concertos de maiores dimensións e de pagamento: o 20 de agosto, un concerto dos escoceses Shooglenifty coa Banda das Crechas e as Tanxugueiras, que levará o nome de Noite para Angus, o violinista da banda escocesa que tanta relación tiña con Galicia.

O día 30, para fechar o festival, terá lugar o espectáculo Camiñar sen fin. Concerto para Narf, no que participarán ducias de artistas do mundo da música e das artes escénicas que farán un percorrido pola carreira de Fran Pérez ‘Narf’.

https://nostelevision.gal/narf-e-patrimonio-da-cidade/