Home Programas Área Compostela O Cineuropa máis transgresor

O Cineuropa máis transgresor

0
O Cineuropa máis transgresor

Cineuropa segue a ser o referente democrático dos festivais do Estado. Máis de 300 filmes poderán verse en Compostela entre o 7 e o 28 de novembro nun certame que medra cada ano e con importantes novidades este ano que presentaron en rolda de prensa o seu director, José Luís Losa, acompañado por representantes das institucións colaboradoras. Losa explicou que a principal característica que fai deste festival un encontro cinéfilo único é o seu “caracter democrático”.

Cinema transgresor

Esta edición de Cineuropa achega unha sección dedicada ás películas que no seu momento transgrediron as normas. Para Martiño Noriega, alcalde de Santiago, é das máis chamativas. “Foron obras censuradas polas barreiras políticas e sociais”.

O propio nome da sección que se chama “Escándalo: cinema sen lei nin mordazas”, deu pé á vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín a explicar que “hai moitos escándalos que hoxe non o serían como que mulleres levaran pantalóns nun filme e outro escándalo ben diferente é o que está a acontecer cos dereitos humanos”

A mocidade é o futuro

As tres institucións colaboradoras, concello, Deputación e Xunta, salientaron a importancia de acadar máis incidencia entre a mocidade. Repítese, logo, o Xurado Novo, que novamente comporán sete mozas e mozos e que entregarán Premios á Mellor Película, Mellor Director, Mellor Guión, Mellor Interpretación Feminina e Mellor Interpretación Masculina.

O director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, admitiu cambios no consumo de produtos culturais sobre todo na mocidade. “Neste caso Cineuropa axuda a chegar a este sector”.

Premiados desta edición

Este Cineuropa conta con 35 filmes na Sección Oficial Europea e 26 fitas do Panorama Internacional. Os Premios deste ano serán para Isaki Lacuesta, Ángela Molina e Antonio Durán “Morris”.

Ademais das seccións máis coñecidas doutros anos este ano ofrecerase una ampla retrospectiva dos cen anos de cine romanés e unha serie de filmes nos que a muller é protagonista con temáticas como o aborto, a violencia de xénero ou a invisibilidade feminina dos grandes eventos históricos.

Toda a programación está dipoñible na web do festival cineuropa.gal e como novidade este ano poderán mercarse os abonos e escoller as películas através de internet, unha das demandas do público asistente en edicións anteriores.