A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento económico e turismo, Marta Lois, presentou hoxe no Pazo de Raxoi un estudo elaborado polo Observatorio de Igualdade de Xénero no que se analizan as violencias machistas na idade temperá. O estudo tivo como obxectivo a mozos e mozas de idades comprendidas entre 14 e 15 anos de institutos de ensino secundario de Santiago, xa que cada vez son máis as agresions machistas que conectan cunha parte moi nova da poboación.
“Elaborouse unha guía para o profesorado coas principais conclusións do estudo e unha banda deseñada coa que se fará unha exposición nos centros”, explicou Marta Lois como conclusión deste traballo.
O 40% dos mozos e o 25% das mozas adolescentes identifican os celos co amor nas relación de parella
Resultados preocupantes
Tania Merelas, doutora en ciencias da educación e especialista en Xénero e Políticas de Igualdade, analizou os principais datos deste estudo, amosando unhas conclusións preocupantes. Unha delas é que os rapaces mostran un grao de interiorización do sexismo máis elevado que as rapazas, o cal supón unha maior interiorización dos estereotipos de xénero.
Ademais os niveis de sexismo elévase nos mozos e mozas que aseguraron ter estado namorados/as nalgún momento (71,8%). Así, nos homes elévase o nivel de interiorización do sexismo benévolo e nas mulleres increméntase o nivel de interiorización do sexismo hostil. Tamén confunden agravantes e factores individuais coa causa da violencia en si mesma, tales como trastornos mentais, consumo de alcol ou drogas ou perda de nervios.
Outro dos datos deste análise afirma que o 46,2 por cento dos rapaces non é capaz de identificar o illlamento da parella da familia e amizades como unha situación de violencia machista, fronte ao 24,2 por cento das rapazas.
No estudo participaron case 500 rapaces e rapazas dos IES Rosalía de Castro, Eduardo Pondal Xelmírez I, Xelmírez II, Antón fraguas, Pontepedriña, Lamas de Abade e Sar.