O proceso de municipalización da ORA e o guindastre en Compostela segue a supor un crebacabezas para o Goberno que lidera Martiño Noriega. O xulgado vén de reclamar ao Concello o expediente completo do proceso trala presentación dun recurso contencioso que pide a suspensión cautelar do servizo.
O alcalde demanda “tranquilidade” e dubida que sexa “lexítima” esta causa xudicial. Noriega considera que detrás deste proceso, cuxa cara visíbel é o avogado Carlos Abal, “hai interese en cuestionar a recuperación dos servizos para o público”.
Gustaríame saber a quen representa e en favor de quen actúa este recurso
Asemade, o alcalde lembrou que as dúas “vías fundamentais” para presentar un recurso están xa “desbotadas”, xa que a empresa Setex Aparki retirou o seu e o Goberno central optou por ficar á marxe. Desta volta trátase dun “recurso nominal” que Noriega se pregunta “a quen representa” e “en favor de quen actúa”.