Este domingo cumpriranse 82 anos do “paseo” no que o alcalde de Santiago de Compostela Ánxel Casal foi asasinado polas tropas franquistas, e atopado o seu corpo ao día seguinte nunha foxa de Cacheiras, en Teo. Un ano máis, o BNG homenaxea ao intelectual nun acto no que pide “visibilizar aos homes e mulleres que loitaron pola liberdade”.
Haberá unha ‘performance’ na que o actor Suso Martínez encarnará a figura de Ánxel Casal
Nesta ocasión, o acto celebrarase na praza 8 de marzo, onde posuía un almacén a editorial Nós, fundada por Casal en 1927. Deste xeito, aproveitarase o simbolismo da emblemática praza para lembrar tamén ás mulleres represaliadas polo franquismo. Na homenaxe deste ano podería dicirse que o alcalde asasinado de Compostela estará máis presente ca nunca, xa que o actor Suso Martínez fará unha performance encarnando a súa figura.
Monumento en homenaxe a Casal
Por outra banda, o BNG insta ao Concello á creación dun monumento na capital galega en memoria de Ánxel Casal e das 226 persoas reprimidas en Santiago, segundo un estudo recente da USC. A partires destes datos, dedúcese que arredor de 95 compostelás e composteláns terían sido asasinados polo réxime após o golpe de Estado.
A voceira municipal da formación, Goretti Sanmartín, salienta que en Galiza “non houbo guerra, senón unha represión brutal contra as persoas máis intelixentes do país”, en lembranza daquela “xeración perdida”.