Home Programas Espazo Aberto A ‘Viñeta de Schrödinger’ xa está na rúa

A ‘Viñeta de Schrödinger’ xa está na rúa

0
A ‘Viñeta de Schrödinger’ xa está na rúa

“A BD Galega é como o gato de Schrödinger, está morta e viva ao mesmo tempo”, de este xeito define Kiko da Silva, obstinado dinamizador cultural e creador de publicacións como Retranca, Golfiño, BD Banda ou da escola de BD “O Garaxe Hermético”, a súa visión do panorama da BD galega e de paso, do mundo da cultura no noso país. E precisamente “A viñeta de Schrödinger” é o título escollido para a revista que vén de ser presentada este pasado sábado no marco do festival “Viñetas desde o Atlántico” na Coruña, cita obrigada para os amantes da BD e o cómic en Galicia.

Co impulso da Mesa e da ASPG

A publicación conta co impulso da Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, mais como asegura Kiko “…é unha aposta da Mesa e da ASPG pero a revista ten que contar co apoio cidadá”. Así, dende “A viñeta de Schrödinger” buscan un formato sostible e autónomo mais aló do apoio inicial destas dúas asociacións. Polo de agora xa contan con mais de 300 subscritores e subscritoras e iso que a publicación aínda non saíra a rúa. Moitos deles, como sinala Kiko, lectores e lectoras doutros lugares do estado, demostrando que é posible exportar cultura galega en galego.

A Viñeta de Schrödinger, a nova revista de banda deseñada en galego

Asemade, o historietista vigués lamenta a falta de apoios ao sector dende o goberno da Xunta malia que como ben di: “En Galiza existe unha realidade da BD, pero a nivel cultural, non industrial… Levamos case vinte anos falando do ‘boom’ da BD galega pero case non hai axudas ao sector”. Polo visto no festival coruñés, a elaboración dunha publicación como A Viñeta de Schrödinger era unha demanda dos consumidores e consumidoras de banda deseñada en Galicia, pois en apenas unha semana de festival vendéronse mais de 200 exemplares da devandita revista dunha tirada inicial de 1.500 exemplares.

Quéreste subscribir? Aquí podes facelo!