Os grupos da oposición veñen de criticar a demora do Concello de Santiago en ceibar de lixo o Campus Sur trala celebración do Festigal. Esta mañá, o alcalde, Martiño Noriega, pediu desculpas polo acontecido e sinalou que os servizos de limpeza, que se incrementaron a última hora, víronse “sobrepasados”.
Campañas de concienciación para o futuro
Con todo, Noriega apunta ás “dinámicas incívicas” das persoas que ateigaron de lixo o espazo durante a madrugada do 25 de xullo. “Tentaremos impulsar campañas de concienciación cidadá para que non volva acontecer”, expuxo, criticando as “malas prácticas” observadas no devandito espazo.
Críticas do Bloque
O grupo municipal do BNG pediu no día de onte explicacións ao Goberno local de Compostela Aberta a respecto da falta de limpeza dos restos de botellón no campus sur a carón, tal e como aclaran fontes nacionalistas, do espazo reservado para as actividades do Festigal.