Home Programas Espazo Aberto Ferrol rexeita os restos de Franco e a súa simboloxía

Ferrol rexeita os restos de Franco e a súa simboloxía

0
Ferrol rexeita os restos de Franco e a súa simboloxía

A maioría dos grupos políticos con representación no municipio de Ferrol rexeitou hoxe en Pleno a posibilidade de que a familia Franco leve os restos do ditador á cidade. A proposta xurdiu dunha moción do BNG que contou co apoio do grupo de Goberno de Ferrol en Común, do PSOE da edil non adscrita Esther Leira.

Con esta iniciativa tamén se lle reclama á familia Franco a expropiación do nicho que se lle entregara no ano 1967 so seu nomeado o ditador fillo ilustrísimo da cidade.

Retirada de simboloxía e imaxes de alcaldes franquistas

No mesmo pleno, e desta vez a iniciativa do PSOE, aprobouse a eliminación da simboloxía franquista do municipio e a instar ás plataformas Facebook e Google a corrixir o topónimo ilegal que empregan na actualidade, o de “El Ferrol del Caudillo”.

Tamén se aprobou a retirada da sala de alcaldes do pazo municipal das imaxes dos alcaldes da ditadura.

PP e Ciudadanos foron as excepcións

No Pleno viuse unanimidade en recuperar a memoria histórica e deixar fóra as pantasmas do pasado. A única excepción foi a dos representantes de PP e Ciudadanos que empregaron a abstención e o voto en contra, segundo fose a moción, para desmarcarse da condena unánime a este período da nosa historia recente. Ciudadanos si apoiou a retirada da simboloxía franquista da cidade.

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, asegurou durante o Pleno que “nunca fixemos demagoxia neste asunto” e lembrou que “avanzamos na unidade da esquerda cando foron tempos complicados”.