As corporacións municipais de ambos concellos celebraron este venres o tradicional Día de Padrón en Santiago, nun acto que permitiu seguir a estreitar os vencellos entre as vilas. Trátase dun evento que se repite tódolos anos co gallo de afianzar as relacións entre as dúas administración, ao igual que acontece, á inversa, cando se celebra a Pascua padronesa.
Fortes vencellos
Os alcaldes de Compostela e Padrón, Martiño Noriega e Antonio Fernández Angueira, intercambiaron os seus bastóns de mando e compartiron unha xornada que culminou cun concerto das bandas de música de cada municipio.
Ámbolos dous rexedores lembraron a pegada nas dúas vilas de persoeiros coma Rosalía de Castro ou a propia tradición do Apóstolo Santiago.
Unha das cuestións salientadas por Noriega e Fernández Angueira foi o proxecto As pegadas de Rosalía, unha iniciativa na que traballan conxuntamente para pór en valor a figura da poetisa.